A PS5 terá mandos DualSense de novas cores en xuño

xoves, 13 de maio do 2021 Marcus Fernández

A PlayStation 5 chegou ao mercado o pasado mes de novembro en unidades moi limitadas e cunha única combinación de cores entre as que predominaba o branco, de aí que sorprenda que anuncien que o vindeiro 18 de xuño vaian chegar ás tendas mandos DualSense en 2 novas cores: Midnight Black e Cosmic Red.
A versión Midnight Black combinaría dúas tonalidades de negro con detalles en gris claro, combinación de cores que moitos desexarían para a súa consola por estar afeitos a que as consolas PlayStation sexan de cor negra e para que a enorme consola de Sony teña unha aparencia máis discreta; mentres que a versión Cosmic Red combina a cor negra básica dos mandos DualSense cunha cor vermella que substituiría o branco do mando orixinal (sendo toda unha incógnita se Sony ousará a vender no futuro consolas con esta cor como principal).
A presentación destes mandos en novas cores leva a entender que as PlayStation 5 en distintas cores poden ser pronto unha realidade, algo que moitos levan esperando dende o propio lanzamento da consola, e que incluso provocou a creación dunha industria de dubidosa legalidade de carcasas de distintas cores para adaptar a PS5 aos gustos do usuario (algo que non agrada a Sony, xa que os fabricantes queren controlar a estética das diferentes versións das súas consolas, para que teñan sentido as frecuentes edicións limitadas que en moitas ocasións revitalizan o mercado de consolas).

PUBLICIDADE