A PSP2 podería contar con dobre control analóxico e pantalla táctil

martes, 25 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Nos últimos meses non deixan de chegar imaxes do que promete ser a consolas portátil que sucederá á PSP de Sony, e que informalmente chaman PSP2, e dende Kotaku dan credibilidade a unha imaxe da mesma que parece ser creación de Sony (aínda que non son quen de desbotar que sexa unha montaxe fotográfica), dando a entender que estamos ante un dispositivo cun formato semellante aos da PSPgo, que soportaría o uso dunha stylus (ou sexa, que contará con pantalla táctil, posiblemente con tecnoloxía OLED) e tarxetas de memoria SD de 32 Gb e Memory Stick.
Tamén resulta moi destacable o feito de que a consola que podemos ver na imaxe conte con 2 controis analóxicos, o que sería unha interesante mellora fronte á PSP orixinal (que tiña serias dificultades co control en xogos de acción en primeira persoa (FPS).
Os rumores que circulan pola Rede tamén destacan o feito de que a consola portátil podería contar con conectividade 3G, o que sería un elemento claramente diferenciador con respecto de Nintendo, á vez que podería indicar un achegamento estratéxico ao iPhone, que tanto éxito está a ter como plataforma de lecer móbil.

PUBLICIDADE