A PlayStation 3 copa a listaxe dos xogos máis vendidos en febreiro

martes, 24 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Como todos os meses, aDeSe publicou a listaxe cos videoxogos máis vendidos en España, e en febreiro a Wii consolida a súa posición de líder na venda de xogos colocando a Wii Fit, Wii Play e Mario Kart nos postos 1, 3 e 4 da listaxe de vendas, destacándose o feito de que a Xbox 360 de Microsoft só conseguise a 10ª posición (con Street Fighter IV) mentres que o Pro Evolution Soccer 2009 para PlayStation 2 faise cun 7º posto. Os outros 5 títulos corresponderían á PlayStation 3, con Killzone 2 (que ocupa 2 posicións por ter unha edición normal e outra en caixa metálica), Street Fighter IV, Pro Evolution Soccer 2009 e Fallout 3.
Coidamos que é a primeira vez que a PlayStation 3 logra facerse coa metade dos 10 títulos máis vendidos, deixando claro que Spain is different, xa que a consola se Sony no resto de Europa está nunha situación bastante peor, véndose xa eclipsada pola Xbox 360. O mesmo podería dicirse do Pro Evolution Soccer 2009, que como na súa anterior entrega contou cunhas críticas moi malas e uns resultados globais moi inferiores aos do seu competidor directo (o FIFA de EA Sports), mentres que no mercado español goza dunhas incomprensibles boas vendas que poderían indicar que nos xogadores locais hai moita inercia e pouca confianza na prensa especializada.

PUBLICIDADE