A PlayStation 4 contará con aplicación oficial para poder xogar remotamente dende o ordenador

venres, 27 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Os usuarios de Xbox One teñen dende hai tempo a posibilidade de empregar a aplicación oficial de Xbox baixo Windows 10 para poder gozar do xogo remoto da súa consola en tabletas e ordenadores, mentres que na PlayStation 4 tal funcionalidade estaba limitada a outros produtos PlayStation (como a PS Vita ou a PlayStation TV) o que esta semana solucionouse mediante unha aplicación independente, Remote Play PC, á venda por 6,5 libras esterlinas (9,24 euros) e que, pese a estar nunha fase alfa, xa permite gozar dos xogos de PS4 dende Windows, con xogos a 720p e permitindo o control tanto con teclado e rato como medinte un mando Dualshock 4.
Dado que quedou máis que demostrado que a posibilidade do xogo remoto nas consolas de Sony é posible, dende os estudios globais de PlayStation, o seu máximo responsable, Shuhei Yoshida, veuse obrigado a confirmar a través de Twitter que xa están a traballar nunha aplicación oficial que permite o xogo remoto en PlayStation 4 dende PC e Mac.
Polo momento non hai previsión sobre a data de lanzamento desta aplicación oficial, pero é de agardar que sexa moi superior á ferramenta indie, especialmente se temos en conta do magnífico que é o funcionamento da Xbox One de xeito remoto, o que eleva o listón.
O xogo remoto está pensado principalmente para usuarios que teñen a súa consola instalada no salón do seu fogar e poidan seguir xogando coa mesma en momentos nos que o televisor estea acaparado para outros usos sen ter que mover a consola a outro cuarto. O feito de poder aproveitar un ordenador persoal para continuar as partidas da consola é unha prestación moi interesante, que espérase que pronto chegue a todos os usuarios de PS4 de xeito oficial.

PUBLICIDADE