A PlayStation Classic poderá mercarse en pesetas

martes, 27 de novembro do 2018 Marcus Fernández

O vindeiro luns chegará ao mercado a PlayStation Classic, consola mini que non está a deixar indiferente aos xogadores, aínda que non comentamos tal como algo bo, senón que son moitos os potenciais compradores que están a desconfiar deste produto que non parece convencer tanto como as consolas mini de Nintendo, de aí que a cadea de tendas GAME non só vaia vendela a 99,99 euros, senón que tamén busca chamar a atención permitindo pagala en pesetas.

Imaxe da caixa retro que recibirán os que paguen a PlayStation Classic con pesetas en GAME

Deste xeito até 100 persoas poderán facerse coa PlayStation Classic por 16.630 pesetas, o que non só permitirá atopar unha utilidade aos vellos cartos que se poidan ter espallados pola casa, senón que tamén servirá para facerse cun par de agasallos exclusivos de PlayStation: unha mochila retro e unha caixa retro cun vaso, unha taxe e un pousavasos. O conxunto de agasallos está valorado en 65 euros e a forma de pagamento elixida buscaría converterse no xeito máis curioso de facerse cunha das novas PlayStation Classic.

Anuncio da promoción de GAME

Na proximidade do lanzamento da nova máquina decidiron clarexar moitas das dúbidas dos consumidores, detallando que a metade dos 20 xogos incluídos na consola (e que non poderán ampliarse) son compatibles co modo de dous xogadores; que o cable HDMI incluído coa consola mide 2 metros mentres que os cables do mandos miden 1,5 metros; que carecerá de System Link para poder unir varias consolas (aínda que algúns xogos permitirán o modo multixogador a pantalla partida); e que pode alimentarse por USB mediante un adaptador que achegue un mínimo de 1 Ampere.
Aínda que as limitacións da consola fosen previsibles, o elemento que non están a destacar, e que si podería botar a moitos compradores atrás, é o feito de que as versións dos xogos incluídos están en inglés, o que faría que moitos usuarios que no seu día xogaron en español a títulos como Final Fantasy VII non vexan con bos ollos esta consola que, por outra banda, resulta innecesaria para moitos, xa que boa parte dos xogos incorporados poden adquirirse en formato descargable.

Anuncio da PlayStation Classic

PUBLICIDADE