A PlayStation Network leva 5 días fóra de liña

luns, 25 de abril do 2011 Marcus Fernández

Durante a tarde do pasado mércores a PlayStation Network, rede que serve de plataforma de xogo en liña para os usuarios das consolas de videoxogos de Sony e de servizos como Qriocity, deixou de operar, no que parecía un pequeno parón por mantemento, pero que ao alongarse no tempo confirmouse que se trataba dunha intrusión externa que provocou que esta rede leve xa 5 días fóra de liña (sen ter previsión de arranxo), nun fallo sen precedentes que está a forzar a Sony a reestruturar os seus sistemas para fornecer a súa seguridade.
Neste momento non se coñece o auténtico alcance da ataque padecido pola PlayStation Network, de xeito que aínda non determinaron se na suposta intrusión puideron chegar a roubarse datos persoais ou información de tarxetas de crédito, o que resulta sumamente preocupante para os usuarios desta plataforma, que poderían ter que facer fronte a un problema maior que non poder xogar en liña durante varios días.
Mentres, dende Microsoft presumen do bo funcionamento de Xbox LIVE, plataforma de xogo en liña moito máis robusta que a de Sony, que pese a ser de pagamento, goza de moita sona entre os usuarios, que están dispostos a pagar por un servizo de calidade. Ao parecer, durante os últimos días a rede de xogo de Microsoft experimentou un incremento de uso xa que os usuarios que teñen tanto PlayStation 3 como Xbox 360 tiveron que optar pola consola de Microsoft para o xogo en liña durante a Semana Santa.

PUBLICIDADE