A PlayStation Store continúa a animar o verán con rebaixas

mércores, 13 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A PlayStation Store continúa coas súas ofertas, e desta volta apunta alto cun grande título ao que acompaña un desconto moi importante, xa que o xogo de acción de Mad Max para PlayStation 4 poderá adquirirse esta semana a 17,99 euros, o que supón un aforro do 74%, de xeito que os xogadores que aínda non se fixeran con este título terán agora un importante incentivo para animarse a explorar o Páramo nunha grande aventura de mundo aberto para un xogador.
As promocións que botan a andar hoxe, e estarán dispoñibles durante seis semanas, estarán dentro do evento Totalmente Dixital, que incluirá numerosos xogos que se comercializaron unicamente en formato descargable, entre os que destacan xoias como o aclamado Firewatch por 12,99 euros (cun desconto do 35%), o curioso The Witness a 26,29 euros (cun desconto do 27%), o nostálxico Gauntlet: Slayer Edition por 7,99 euros (cun aforro do 60%) ou incluso o impresionante lote de xogos de thatgamecompany, Jorney, flOw e Flower por só 9,49 euros (o que supón unha rebaixa do 62%).
Adicionalmente Sony tamén puxo de oferta numerosos xogos para PS3 e PS Vita até o 27 de xullo, nos que hai dende as anteriores entregas de Uncharted até o xogo de condución GRID 2, ou sexa, un xeito de manter vivas as vellas consolas no seu fin de ciclo a base de ofertar xogos de fondo de catálogo a prezos moi reducidos (os descontos tenden a estar entre o 60 e o 75%, aínda que hai algún como o venerado Catherine cun 90% de desconto).

Estas rebaixas son unha grande oportunidade para gozar da nova versión do clásico Gauntlet

PUBLICIDADE