A PlayStation VR rebaixa o seu prezo durante as festas de Nadal

venres, 15 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Sony parece terse marcado como obxectivo desta campaña de Nadal o captar o interese para a súa solución de realidade virtual en consolas, xa que leva varias promocións consecutivas e distintos anuncios que buscan tanto atraer usuarios como crear confianza nun produto moi difícil de promocionar xa que o único xeito de saber se é do noso agrado é probalo en persoa.
Aínda que nas últimas semanas vimos ofertas que buscaban reducir a porta de entrada á realidade virtual con prezos moi axustados, desta volta céntranse en ofrecer unha experiencia máis completa, de xeito que anuncian un lote de PlayStation VR con PS Camera, VR Worlds e un xogo a elixir entre Gran Turismo Sport, Skyrim VR e Resident Evil 7 biohazard Gold Edition a un prezo de 349,99 euros, o que supón un aforro de até 120 euros con respecto á compra dos produtos por separado, manténdose esta oferta até o 5 de xaneiro.
A oferta pode parecer bastante boa, pero realmente no o é tanto, xa que a promoción do pasado Black Friday era case idéntica, quedando o lote en 299 euros, polo que os interesados en facerse con esta tecnoloxía igual poden atopar ofertas mellores nalgúns distribuidores ou agardando a futuras promocións.

PUBLICIDADE