A PlayStation Vita TV comercializarase fóra do Xapón

venres, 20 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Ao anunciar o lanzamento da nova PlayStation Vita TV no Xapón Sony non deixou claro que o produto fose comercializarse internacionalmente, pois a compañía nipoa non agardaba que fose a ter unha boa demanda máis aló das súas fronteiras, pero ante a expectación que causou esta versión da PS Vita que pode conectarse ao televisor e controlarse cun mando DUALSHOCK 3 aseguran agora que están a estudar a comercialización do curioso dispositivo en Europa e EE.UU., aínda que teñen que estudar o momento atinado para dar tal paso, pois estamos nun momento bastante complexo para lanzar novos produtos (lembremos que en novembro chegan a PS4 e a Xbox One ás tendas).
Outro detalle que tamén confirman é que a PlayStation Vita TV será compatible co servizo Gaikai (do que aínda non se coñece cando chegará a Europa) que permitirá gozar de xogos de PlayStation 3 a través de streaming, convertendo a este dispositivo económico (véndese no Xapón por 9.480 iens, o que son pouco máis de 70 euros) nunha completa consola doméstica que tamén abre a porta a numerosos contidos audiovisuais comercializados por Sony para os seus dispositivos (como películas ou servizos como NetFlix).

PUBLICIDADE