A Policía Nacional arresta ao fundador de Blusens

xoves, 1 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Distintos medios de comunicación deron conta nas últimas horas da detención de José Ramón García, fundador de Blusens, por un delito contra a propiedade industrial e por organización criminal, quedando liberdade con medidas cautelares tras declarar ante o xuíz.
O arresto teríase realizado este mércores en Santiago de Compostela por axentes da Policía Nacional adscritos ao grupo especial contra os delitos intelectuais e industriais (con base operativa na Coruña) e mantívose até esta tarde en dependencias policiais até que o puxeron a disposición xudicial para declarar no Xulgado de Instrución número 3 de Compostela.
O motivo exacto da investigación non se puxo en coñecemento público, pero parece que estaría relacionado coa comercialización dun dispositivo para conectar televisores á Internet.
Blusens xa fora condenada hai anos por infrinxir a propiedade intelectual de Televés, pero tras a presentación de Blusens a concurso voluntario de acredores o emprendedor compostelán participou en moitos outros negocios, como Ultra Smart Networks, Mr. Nutrición, Valliciergo Investments, Atlántica Trader, Moonoff, Trend Luxury... conseguindo especial visibilidade Tendeus, que baixo o nome de Amazing Outlet abriu unha tenda hai pouco en Área Central.

ACTUALIZACIÓN (2-3-2018): En distintos foros está a comentarse que dende onte o WebTV de Blusens non funciona, e desapareceu a páxina web da compañía e o foro de desenvolvedores, polo que todo apuntaría a que este produto que facilitaba o acceso a contidos audiovisuais sen contratalos legalmente podería estar detrás da detención de García.
Actualmente o dispositivo está a comercializarse co argumento de que permite acceder «a calquera contido audiovisual grazas ás apps de creación libre de WebTV: cine, series, canles, eventos, etc. Sen límites SEN CUOTAS».

PUBLICIDADE