A RAGC celebra o Día da Ciencia

luns, 4 de outubro do 2021 S. P.

O Día da Ciencia en Galicia vaise celebrar o 8 de outubro en Santiago, no salón nobre de Fonseca e cun acto de homenaxe á figura de Jimena Fernández de la Vega, cuxas contribucións científicas van ser enxalzadas este pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Á cita asistirá a presidenta do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, que é sobriña da homenaxeada e dará unha conferencia sobre ela.
Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo-Asturias, 1895 – Santiago de Compostela, 1984) foi unha xenetista e profesora moi recoñecida do século XX. Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas pola USC, representando “un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios”, en palabras da RAGC, que salienta que “foi unha das cincuenta científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España, con estadías en Alemaña, Austria e Italia. Logo da Xenética, orientando a súa traxectoria profesional cara á hidroloxía médica”. Jimena, engade a RAGC, foi un referente extraordinario demostrando o enorme potencial que lle permitiu dar unha salientable visibilidade ás científicas da época.
Ademais, no mesmo acto de Fonseca, farase entrega das cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. As persoas distinguidas este ano son Carmen Álvarez Lorenzo, Carlos Hervés Beloso, Luis Castedo Ribas, Manuel Eulogio Ladra González e María Antonia Señarís Rodríguez.
Por outra parte, ao longo da xornada, o Consello da Cultura Galega presentará unha publicación de autoría colectiva sobre Jimena, na que escriben senllos limiares a presidenta da institución editora, Rosario Álvarez, e o presidente da RAGC, Juan Lema. “Esta publicación pretende simplemente abrir unha fiestra á súa personalidade, á súa obra e ó seu legado”, sinala a institución académica.
Pola súa parte, coa colaboración do Concello de Santiago, colocarase unha placa conmemorativa no Parque das Ciencias (fronte ao colexio La Salle). Amais, a Deputación de Pontevedra plantará no mesmo parque un exemplar dunha camelia xapónica dedicada á homenaxeada.
O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a promoción social da ciencia, salientando diante da sociedade galega “a vida e actividades daquelas científicas ou científicos que destacaron pola súa achega ao desenvolvemento da ciencia en Galicia”.

Medallas de Investigación de Galicia

Carmen Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970) recibe a medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC. É académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e Fellow do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE).
A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, destaca a traxectoria de Carlos Hervés Beloso (Marín, 1953), catedrático desde 1989 que exerce como docente e investigador desde 1975, ano no que se licenciou en Ciencias Matemáticas na USC con premio extraordinario.
O enxeñeiro de telecomunicacións Luis Castedo Ribas (Santiago de Compostela, 1966) foi o elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. É catedrático da UDC á que se incorporou en 1994 tras obter un ano antes o título de Doutor Enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid. É coautor de máis de 300 artigos en revistas e congresos internacionais de referencia en enxeñaría de comunicacións sen fíos. Dirixiu 16 tese de doutoramento. É coordinador do grupo de investigación en Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións co que desenvolveu máis de 50 proxectos de investigación de financiamento público e asinado máis de 30 contratos de transferencia de tecnoloxía con empresas.
A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle a Manuel Eulogio Ladra González (A Coruña, 1956). É catedrático de Álxebra na USC e socio da RSME. Con 43 anos de actividade docente, Manuel Ladra desenvolveu toda a súa actividade académica, profesional e investigadora na USC. Dirixiu 15 teses de doutoramento e actualmente dirixe outras dúas.
Pola súa banda, María Antonia Señarís Rodríguez (Santiago de Compostela, 1965) recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. É catedrática de Química Inorgánica da UDC, onde desenvolveu a maior parte da núa carreira.

PUBLICIDADE