A RAGC lévanos da man ao noso futuro nas TIC cun congreso de catro xornadas

mércores, 7 de decembro do 2016 Fernando Sarasketa

A vindeira semana temos unha cita para subliñar na axenda. Trátase da celebración, entre o 12 e o 15 de decembro, dos XIX Avances en Ciencia e Tecnoloxía, baixo un epígrafe que fala por si só do seu interese e da importancia que se dan ás TIC no seu programa: Tecnoloxías da Información e das Comunicacións: O Futuro xa chegou. O evento vén da man da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e desenvolverase no salón de actos da Confederación de Empresarios de Galicia, no número 54 da rúa Vilar en Santiago. O ciclo, que contará coa presenza dalgúns dos principais expertos galegos en materia tecnolóxico-dixital, diríxese como dixemos a pór de relevo a importancia das TIC e a amosar os camiños para extraérmoslles o máximo partido.
Segundo avanza a organización, as “novas tecnoloxías teñen carácter horizontal e invádeno todo, desde a Administración e todo tipo de institucións, pasando polas empresas grandes e pequenas, ata os traballadores autónomos e os cidadáns mesmos”. Polo tanto, engade, “a súa incidencia no desenvolvemento socioeconómico é determinante nun país que pretenda ter un sistema produtivo moderno e sustentábel, baseado no coñecemento”.
Nun plano máis concreto, o congreso porá de relevo tres grandes desafíos para converter Galicia nun polo de desenvolvemento dixital: a produción de tecnoloxía (dende os centros tecnolóxicos e de I+D e as empresas e a súa transferencia ao sector produtivo, “o que pode e debe xerar actividade empresarial e económica”); a prestación de servizos á Administración, ás institucións, ás empresas e aos cidadáns (“a cal ha de xerar igualmente actividade empresarial económica e benestar social”); e por último a prestación de capital humano cualificado (“indispensábel”, en palabras da organización do evento, “para que se poida levar a cabo o desenvolvemento e a implantación das TIC”).
Coa celebración deste ciclo preténdese, en palabras da RACG, “incidir na realización de actividades e iniciativas culturais orientadas a súa divulgación e coñecemento social, tendo como finalidade apoiar a diversidade cultural lingüística, promover a inclusión da perspectiva de xénero nas liñas de actuación e fomentar o coñecemento dos fitos e dos avances sociais relevantes na historia da cultura, a arte e o pensamento político e social en Galicia”.
O ciclo vai dirixido a unha audiencia especialmente ampla: estudantes, doutorandos e investigadores, en particular do ámbito das TIC e afines, profesionais e directivos de empresas e administracións públicas, así como persoas alleas ao mundo das TIC “pero con interese ou simple curiosidade polos temas abordados”.
O ciclo componse de catro conferencias e catro mesas de diálogo e intervirán personalidades expertas no tema. A inscrición é de balde a través da www.ragc.gal e recibirase un certificado de asistencia. A apertura do ciclo correrá a cargo do vicepresidente da CEG, Antonio Fontenla Ramil; do presidente da RAGC, Miguel Á. Ríos Fernández e do coordinador do ciclo, o profesor Senén Barro Ameneiro. Polo ciclo pasarán, entre outros, Alberto Bugarín (CITIC, USC), Tino Fernández (presidente de Altia), Antonio Rodríguez del Corral (presidente do Clúster TIC) ou Víctor Álvarez (director executivo de Situm). Tocaranse temas concretos como por exemplo o Big Data, a colaboración home-máquina ou as novas solucións para xestionar a mobilidade das persoas.

PUBLICIDADE