A Rede galega comeza a envorcar esforzos arredor de Antón Fraguas
mércores, 17 de abril do 2019
Vaise
achegando o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, e da mesma maneira
que se aproxima esta data tan sinalada, achégase tamén, á mesma
distancia e co mesmo ritmo de chegada, a conmemoración internacional
da Día da Internet. Esta feliz confluencia entre a nosa cultura e os
díxitos, por unha banda, e entre o local e o universal, pola outra,
convídanos polas súas implicacións a facer un repaso pola
cobertura que lle está dando a Rede á celebración do escritor
homenaxeado este ano nas Letras Galegas.
Estamos
a falar de Antón Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de
Compostela, 1999), historiador, etnógrafo e profesor, amais dun dos
principais reivindicadores da nosa cultura e do galego como lingua
perfectamente válida para todas as vertentes sociais, culturais,
políticas ou científicas, e tamén, agora máis ca nunca (e con
máis razón), tecnolóxicas.
Entre
os recursos referencias para recadar información sobre o homenaxeado
figura o portal (academia.gal) da
Real Academia Galega, en cuxo pleno do 7 de xullo do ano pasado
acordouse adicar a Fraguas o Día das Letras. A web serve como
recurso actualizador da información que de continuo se está a xerar
sobre o autor, tanto a nivel dixital como offline (actividades
presenciais de todo tipo en diferentes recantos da nosa terra).
Fálase estes días de exposicións sobre o historiador de Cotobade
(como
a que ten lugar na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago), de
accións de divulgación (como a
Semana Cultural do IES Antón Fraguas) ou de festividades e
celebracións (como o Entroido
de Cerdedo-Cotobade). A RAG tamén contribúe a todo este
coñecemento (cunha meirande atención á nenez e á xuventude) co
espazo dixital Primavera das Letras.
Sen
dúbida outra das ferramentas máis indicadas para achegarnos ao
homenaxeado é o portal
Lingua.gal, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, onde
se nos fornece, ademais, dun recurso de gran utilidade para
estudantes, investigadores ou calquera internauta en xeral que queira
afondar no coñecemento da nosa cultura: a
relación detallada e sintetizada de todas as escritoras e escritores
honradas e honrados na festividade do 17 de maio, dende que esta
existe.
E,
como vén sendo costume, o duplo portal do Consello da Cultura
Galega, dispoñíbel en www.consellodacultura.gal
e máis www.culturagalega.gal,
será estes días plataforma informativa referencial sobre o autor e
as actividades de recoñecemento programadas, amais de ser, en si
mesma, orixe de homenaxes e achegamentos á vida, traxectoria e
legado do historiador.
A
estas canles e portais cómpre engadir (ente outras moitas) as
contribucións dos espazos dixitais da Galipedia (coas entradas
actualizadas do Día
das Letras e de Antón
Fraguas), do Concello
de Cerdedo-Cotobade ou dos medios dixitais Galicia
Confidencial, Praza
Publica, a CRTVG, La
Voz de Galicia ou Sermos
Galiza, entre outros. A todas estas importantes achegas hai que
sumar, tamén, a da páxina da Asociación
de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a AELG.
O legado de Fraguas
Tal e como nos lembra a RAG dende o seu portal Antón Fraguas foi membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, amais de historiador, etnógrafo, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e querido polo alumnado, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común, Antonio Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999) dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea cuxa reivindicación segue a ser necesaria.