A Sony RX100 VI sorprende polos seus aumentos e a súa velocidade

martes, 5 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a cámaras compactas básicas son un produto que quedou sen oco no mercado, cando imos a modelos de alta gama a cousa muda bastante, e algúns dispositivos son realmente impresionantes, como a nova Sony Cyber-shot RX100 VI, unha cámara que pese a ter unhas medias de só 101,6 x 58,1 x 42,8 milímetros agocha un sensor de 20,1 Mpíxeles e un obxectivo ZEISS Vario-Sonnar T 24-200 mm con apertura f/2.8-4.5 (ou sexa, o equivalente a un zoom de 8,3x).
Temos aquí unha cámara sumamente compacta e portátil, que resulta versátil para o disparo fotográfico e a gravación de vídeo, sendo capaz de enfocar imaxes en só 0,03 segundos, así como de disparar até 24 imaxes por segundo a plena resolución con enfoque continuo e producir vídeo 4K (incluso con HDR). Tamén conta con modos de vídeo de super cámara lenta (de 240, 480 e 960 fotogramas por segundo).
Aínda que a cámara ten unha pantalla táctil TFT de 3 polgadas abatible, tamén inclúe un visor XGA OLED Tru-Finder retráctil de 0,39 polgadas. Tampouco esquece conectividade Wi-Fi, NFC e Bluetooth.
A cámara sae á venda estes días nos EE.UU. a un prezo de 1.199,99 dólares (1.024 euros).

A cámara integra un visor retráctil aparte da súa pantalla táctil traseira

Vídeo de presentación da nova cámara compacta de Sony

PUBLICIDADE