A Super Nintendo estreará versión mini o 29 de setembro

luns, 26 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Cando se anunciou o cesamento da produción da Nintendo Classic Mini comentouse a posibilidade de que de cara á campaña de Nadal Nintendo repetise a xogada e lanzase unha versión en miniatura da Super Nintendo, ruxerruxe que confirmouse hoxe mesmo, cando detallouse o 29 de setembro teremos dispoñible en Europa a Nintendo Classic Mini: Super Nintendo Entertainment System.
Esta nova mini-consola incluirá cable HDMI, cable de alimentación USB e dous mandos Super NES Classic conectados por cable á consola (aínda que desta volta prometen que os cables serán substancialmente máis longos que os da consola anterior, na que eran todo un problema) e incluirá un total de 21 xogos precargados considerados auténticos clásicos, de xeito que os afeccionados aos videoxogos dos anos 90 terán aquí unha oportunidade magnífica de recuperar xogos que aínda están moi vixentes.
Concretamente os xogos incluídos na pequena Super Nintendo son Contra III The Alien Wars (publicado inicialmente en Europa como Super Probotector: Alien Rebels), o grande referente do xénero das plataformas que sorprendía polos seus gráficos tridimensionais Donkey Kong Country, o xogo de rol EarthBound (que no seu día no se publicou en Europa), Final Fantasy III (comercializado no Xapón como Final Fantasy VI), o xogo de carreiras F-Zero, Kirby Super Star, Kirby’s Dream Course, o célebre The Legend of Zelda: A Link to the Past, Mega Man X, Secret of Mana, Star Fox, Star Fox 2 (xogo inédito), o grande xogo de loita Street Fighter II Turbo: Hyper Fighting, Super Castlevania IV, Super Ghouls’n Ghosts, Super Mario RPG: Legend of the Seven Stars, Super Mario World, Super Mario World 2: Yoshi’s Island, Super Metroid, Super Punch-Out e incluso Super Mario Kart; todos xogos que poden garantir horas de diversión, que destacan en moitos casos por formar parte de franquías que aínda hoxe están moi vivas e que coa Super Nintendo foi cando deron un importante salto gráfico, adoptando a liña estética que aínda conservan hoxe.
A Nintendo Classic Mini saíra á venda por 59,99 euros, pero parece que a nova máquina incrementará o seu prezo até os 79,99 euros, o que non parece unha suba moi elevada se temos en consideración o nivel dos xogos precargados e o feito de que inclúe un segundo mando.

A consola incluirá 2 mandos, cable HDMI e 21 xogos preinstalados (1 completamente inédito), aínda que carecerá de adaptador de corrente (aliméntase por USB).

PUBLICIDADE