A Switch dispara os beneficios de Nintendo

xoves, 26 de abril do 2018 Marcus Fernández

Os resultados financeiros de Nintendo presentados hoxe e correspondentes ao ano fiscal que remata o 31 de marzo parece que non podían ser mellores, facturando máis dun billóns de iens e conseguindo uns beneficios operativos de 177.557 millóns de iens, o que supón multiplicar por 6 os beneficios do ano anterior. Deste xeito podemos entender que a Nintendo Switch está a ser un éxito moi superior ao que se prevía inicialmente, confirmando o acerto da compañía nipoa ao apostar por unha consola híbrida entre doméstica e portátil, que ofrece unha experiencia de uso completamente distinta á dos seus competidores, de xeito que consegue meter no peto a un nicho de xogadores que está a resultar moi rendible.
No ano fiscal en cuestión teríanse vendido 15,05 millóns de unidades da Nintendo Switch, da que tamén habería xogos que son éxitos rotundos, como Super Mario Odyssey (con 10,41 millóns de unidades), Mario Kart 8 Deluxe (con 9,22 millóns de unidades) ou Splatoon 2 (con 6,02 millóns de unidades), até sumar un total de 63,51 millóns de xogos vendidos, ou sexa, que o número de xogos vendidos por consola é moi elevado, o que contratas con consolas anteriores de Nintendo, que pese a conseguir conformar un grande parque, á hora de vender xogos non estaban tan activas.
Pese a que a Nintendo 3DS podería darse por amortizada, o certo é que continúa a vender ben, con 6,4 millóns de unidades vendidas, e con 35,64 millóns de xogos vendidos (dos que 7,51 millóns de unidades corresponderían ao último xogo de Pokémon). Uns datos bastante sólidos para unha consola portátil que aínda pode dar moitas alegrías.
Un detalle tamén a salientar é que a Super Nintendo mini vendeu un total de 5,28 millóns de unidades, o que en boa medida foi posible grazas a que se puxeron moitas unidades á venda nas tendas, e conseguiuse manter abastecido o mercado en contrates ao que acontecera o ano anterior coa NES mini.
Curiosamente o mercado no que están a trunfar outras compañías, o dos smartphones e tabletas, para Nintendo aínda non é moi importante, e a súa facturación limitouse a 39.320 millóns de iens, ou sexa, que nin sequera chegaría ao 4% da facturación da compañía, aínda que medrou un 62% interanual, demostrando que os últimos xogos conseguiron afinar mellor o seu modelo de negocio.

Nintendo Labo promete ser o vindeiro grande éxito para Switch

PUBLICIDADE