A Switch supera en vendas á Super Nintendo

venres, 31 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Os resultados fiscais de Nintendo reflicten que a Nintendo Switch vén de conseguir o seu trimestre máis forte da súa historia, con 10,81 millóns de consolas vendidas, de xeito que rematan 2019 cun total de 52,48 millóns de consolas vendidas en total, ou sexa, superando os 49,1 millóns de consolas que no seu día vendeu a Super Nintendo, e converténdose na terceira consola doméstica máis vendida de Nintendo, superada só pola Wii e a NES.
O éxito da Nintendo Switch non é só a nivel de hardware, senón que os xogos tamén están a dar moi bo resultado, de xeito que Pokémon Espada e Pokémon Escudo superaron os 16 millóns de copias vendidas na campaña de Nadal, conseguindo tamén moi boas vendas títulos como Super Smash Bros. Ultimate (que superou os 12 millóns de unidades) e Luigi’s Mansion 3 (con máis de 5 millóns de copias vendidas). Temos así que, a Switch non está a seguir os pasos da Wii, consola da que se venderon moitas unidades, pero que foi infrautilizada polos seus usuarios, que en poucos casos foron máis aló das entregas de Wii Sports ou do Mario Kart.
Cómpre salientar que as boas vendas que está a conseguir a Nintendo Switch nos últimos meses son consecuencia en boa medida da existencia da Nintendo Switch Lite, unha versión máis cativa e económica da Switch, que parece encaixar coa meirande parte do xogadores, que non consideran importante o uso da Switch como consola doméstica e valoran principalmente a súa portabilidade, conseguindo así trunfar onde Sony fracasou coa PSP nas súas moitas variantes.

PUBLICIDADE