A Tecnópole acada o fito de 109 empresas acubilladas

xoves, 2 de febreiro do 2017 Redacción

O Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, vén de ir alén da barreira das cen empresas acubilladas. Este fito foi acadado no último mes, coa solicitude de incorporación de nove novas firmas a través de requirimento de domiciliación virtual, peticións que recibiron o visto bo definitivo no Consello de Administración celebrado hoxe na Tecnópole. Segundo informan fontes do Parque, esta modalidade de emprazamento virtual xa dá acollida a 27 novas iniciativas de negocio e eleva o número total de sociedades radicadas na Tecnópole a 109. Con este tipo de domiciliación, as start-ups achandan o terreo para a súa instalación in situ ou ben proseguen a súa actividade de mercado sen sede física estábel pero co “extra” de estaren vencelladas á Tecnópole.
As empresas que desde hoxe forman parte da Tecnópole están especializadas en biotecnoloxía, vehículos eléctricos, novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), comercialización de equipamentos tecnolóxicos, comercio electrónico e consultoría de negocio. Segundo informa o Parque, a maior parte delas son novas iniciativas de negocio postas en marcha por empresas consolidadas tanto de dentro (como Conexiona e Tendeus) como de fóra do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Polo que respecta á biotecnoloxía, o sector estará representado por Origo Biopharma, que se centra na investigación e o desenvolvemento de produtos e servizos farmacéuticos innovadores.
No ámbito dos vehículos sustentábeis, a achega vén da man de Tabao, que se adica ao deseño e fabricación de motocicletas, bicicletas e dispositivos de transporte persoal eléctrico.
As TIC e o comercio electrónico están representadas por Hubpaq e Flipaus Marketplace, centradas no ecommerce, e tamén por Between Roads, emprazada na xestión de proxectos de alicerce tecnolóxico, mediante a participación, investimento e asesoramento na busca de capital para firmas innovadoras do novo selo. Tanto Tabao, como Hubpaq, como Flipaus e Betwen Roads son produto da estratexia de diversificación da consultora TIC Tendeus, radicada na Tecnópole.
No eido da actividade comercial nas plataformas dixitais insírese igualmente Strategenial, unha firma en proceso de constitución destinada a desenvolver plataformas tecnolóxicas nos sectores de alimentación e bebidas, así como no de organización de eventos.
Pola súa banda, Txstockdata proseguirá na Tecnópole co seu proxecto para optimizar ao máximo un software con capacidade para relacionar o investimento financeiro coas redes sociais (na liña da súa aplicación Senseitrade, da que xa temos falado polo miúdo en Código Cero).
Pola súa banda, Sertelfin e Infinitus Rent, vencelladas a Conexiona, adicaranse ao subministro e aluguer de equipamento tecnolóxico baixo a modalidade de renting. Segundo informa a Tecnópole, Infinitus Rent financiará todos os proxectos de software de Conexiona en España e Portugal.

PUBLICIDADE