A Tecnópole e Atresmedia lanzan unha plataforma docente online para a rapazada de toda España

venres, 25 de setembro do 2020 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia - Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense) e Atresmedia anunciaron este venres 25 o lanzamento dunha plataforma formativa de ciencia e tecnoloxía, en colaboración coa empresa Ceo Aberto, especializada na educación e divulgación científica e co punto de mira nos investigadores e tecnólogos do mañá. Esta plataforma de aprendizaxe online, denominada STEAMbites, vaise desenvolver desde o Parque para todo o ámbito estatal, non só o galego. O alicerce, explica a Tecnópole, “é a nosa ampla experiencia en formación científica, tanto presencial como en liña”.
Esta iniciativa, dirixida a rapazas e rapaces de 8 a 16 anos, xorde como “unha alternativa á formación tradicional”, empregando un modelo educativo no que se traballa por proxectos, con materias que comparten coñecementos. De aí nace o concepto STEAM, acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas. En concreto, STEAMbites parte dunha metodoloxía learn by doing (“aprender facendo”), baseada na experiencia práctica.
A Tecnópole explica que en virtude desta iniciativa o alumnado terá á súa disposición un kit con materiais específicos para que as rapazas e rapaces poidan experimentar, manipular e realizar nas súas casas as diferentes propostas e retos didácticos que os mestres lles irán propoñendo. “O kit permite garantir unha formación totalmente activa, xa que, durante a transmisión online, os participantes realizarán as experiencias amosadas de xeito simultáneo co seu profesor”, explica a Tecnópole, engadindo que o kit inclúe un microordenador con diversos complementos, paper crafts para a creación de proxectos e materiais de laboratorio para o desenvolvemento de iniciativas.
O lanzamento desta plataforma arranca con dous cursos, que comezan o 2 de outubro e rematan o 17 de decembro. Por unha banda, STEAM 101, de iniciación ao STEAM, diríxese a estudantes de 12 a 16 anos. Pola súa parte, STEAM KIDS está enfocado para nenas e nenos de 8 a 12 anos. Cada semana terán acceso a tres horas de novos contidos, que combinarán con retransmisións por streaming e clases gravadas con materiais descargábeis. Unha vez completado o curso, cada alumno recibirá un diploma emitido por Atresmedia Formación e o Parque Tecnolóxico de Galicia.
Para a mocidade de 12 a 16 anos
A mocidade participante no curso STEAM 101 adentrarase, entre outras materias, en ciberseguridade e hacking ético, programación de microordenadores ou deseño 3D. Aprenderán, ademais, a crear as súas propias aplicacións para móbil de xeito rápido e sinxelo, ao tempo que descubrirán o mundo da Realidade Aumentada e Virtual, e mesmo se achegarán á cociña molecular.
Para a rapazada de 8 a 12 anos
As e os participantes no curso STEAM Kids iniciaranse, partindo do entretemento, na programación a través de Microbit e nos coñecementos matemáticos e científicos de Minecraft. Converteranse tamén en construtores dos seus propios prototipos mediante ferramentas 3D e introduciranse no mundo maker (argalleiro) a partir de circuítos con plastilina, postais luminosas, técnicas de stop motion e hologramas.
O equipo de profesores está integrado por científicos, expertos en comunicación e programadores
A matrícula nestes cursos está aberta na páxina web do proxecto STEAMbites.

PUBLICIDADE