A Torre de Hércules ofrece visitas virtuais guiadas para mitigar o confinamento da rapazada

mércores, 18 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Co fin de facer máis levadeiras as estadías forzosas das familias nos seus fogares (encerros derivados do COVID-19 e o estado de alarma xeral) e, tamén, co obxectivo de darse a coñecer nos seus detalles, a Torre de Hércules da Coruña está a facer visitas guiadas virtuais na súa páxina de Facebook, a seguinte das cales celebrarase este xoves 19 a partir das 12 horas. A primeira sesión, unha experiencia a xeito de proba piloto, resultou ser un éxito de participación e repercusión: chegaron a conectarse até 400 persoas ao mesmo tempo.
Como dixemos, a seguinte sesión será este xoves ás 12.00 horas para nenas e nenos pero o vindeiro sábado, día 21, volverá a achegarse unha nova oportunidade para visitar o monumento coruñés en idéntico horario para todos os públicos (cun formato moi semellante ás sesións que decote se organizan ao abeiro da actividade cotiá divulgadora e turística do faro romano).
Para poder ser visualizadas as estadías virtuais, as persoas que o desexen só terán que conectarse ao Facebook da Torre na hora indicada. Durante a visita poderán ir lanzando preguntas e dúbidas para o guía como se fai habitualmente nas visitas presenciais.
Debuxos da Torre
A dirección do monumento tamén informou de que se está a facer un chamamento a todos os cativos que están nas súas casas durante estes días de confinamento para que envíen un debuxo da Torre de Hércules cun arco da vella. O obxectivo desta iniciativa é empapelar o Centro de Interpretación e Atención a Visitantes no momento en que poida ser reaberto ao público cos gravados de todas as nenas e nenos durante estes días de peche. Os debuxos terán que incluír os ditos dous elementos e deberán ser enviados ao correo electrónico torredehercules@coruna.es. Tamén poderán ser subidos ás redes sociais co cancelo #DebuxandoATorre.

PUBLICIDADE