A UCGAL reclama que as grandes plataformas dixitais compartan o custe de manter as redes de telecomunicacións
mércores, 10 de agosto do 2022
ADECES
(Asociación Pro Derechos Civiles, Económicos y Sociales), UCC (Unió
de Consumidors de Catalunya-UCC), UCE-EUS (Unión de Consumidores de
Euskadi) e UCGAL (Unión de Consumidores de Galicia), veñen de
emitir un
comunicado conxunto no que reclaman que as grandes plataformas
dixitais (OTT) compartan coas persoas usuarias o custe de manter as
redes de telecomunicacións.
A
xuízo das asociacións, “as autoridades europeas non poden seguir
mantendo un esquema de negocio no que son as persoas usuarias
europeas as que sufragan o custo dos investimentos e do mantemento
das infraestruturas de telecomunicacións”, mentres que as 6
grandes tecnolóxicas mundiais (Google, Meta, Netflix, Apple, Amazon
e Microsoft) xeran o 57% do tráfico da internet. Trátase “dunha
porcentaxe que continuará en ascenso polo incremento de usuarios, o
aumento de calidade nos vídeos e o maior uso de datos na nube”,
argumentan, engadindo que “tanto os servizos de pago como a
monetización das aplicacións gratuítas requiren unhas redes
axeitadas para poder prestar servizo de calidade a todos os clientes
ou usuarios, incluídos os das plataformas”.
No
comunicado lembran que de feito Amazon Web Services e Amazon Prime
representan o 20% dos 470.000 millóns de dólares que factura Amazon
e que en Apple os seus servizos de música, televisión e pago
supoñen o 19% dos seus ingresos (366.000 millóns de dólares).
Amais, tamén recordan que preto do 70% dos 258.000 millóns de
dólares de facturación de Alphabet proveñen de Google, Youtube,
Maps e Mail. A maiores, a nube, os xogos e Linkedin “supoñen máis
do 46% dos 168.000 millóns de dólares que factura Microsoft”,
explican, engadindo que Meta obtén arestora o 97% (118.000 millóns
de dólares) dos ingresos por publicidade que atraen os seus 2.900
millóns de usuarios.
As
devanditas entidades de consumidores fan saber no seu comunicado que
“de non abordarmos a contribución das grandes plataformas
tecnolóxicas ás infraestruturas de telecomunicacións europeas”
van producirse algunha ou todas estas consecuencias:
-Os
usuarios europeos seguirán sufragando unhas redes que requiren cada
vez de maior investimento, por tanto verán incrementados os seus
prezos.
-Europa
non poderá ser un actor relevante en materia de innovación
tecnolóxica e de servizos tecnolóxicos.
-Os
cidadáns e empresas de telecomunicacións europeas quedarán
supeditados á tecnoloxía doutras áreas e ás súas condicións.
En
consecuencia, ADECES, UCC, UCE-Eus e UCGAL reclaman “un cambio de
paradigma no regulamento das telecomunicacións europeas que permita
construír un espazo tecnolóxico autónomo”. Segundo explican, a
construción dese espazo p”asa pola contribución das grandes
plataformas tecnolóxicas no mantemento das redes de
telecomunicacións da UE” e por “definir regulacións cuxas
obrigacións alcancen aos provedores de servizos dixitais, evitando a
asimetría regulatoria que vén caracterizando o mercado das
telecomunicacións en sentido amplo”.