A UDC apúntase ás metodoloxías innovadoras de Inspira STEAM para rachar desigualdades
venres, 24 de xaneiro do 2020
A
Universidade da Coruña e o Centro de Investigación TIC (CITIC)
veñen de lanzar un proxecto pioneiro para estimular as vocacións
científico-tecnolóxicas das nenas e acurtar deste xeito a
desigualdade existente nos ámbitos da investigación e o
desenvolvemento, sobre todo nos eidos máis relacionados co dixital,
onde diminúe cada ano a presenza de mulleres. Deste
compromiso da UDC xorde o nodo Inspira STEAM A Coruña, unha
iniciativa que abre novos vieiros para incrementar a vertente
feminina nas contornas tecnolóxicas a través da metodoloxía do
mentoring grupal.
Segundo
informa a Universidade, o programa baséase en accións de
sensibilización e de orientación dirixidas a estudantes de Primaria
e impartidas por mulleres profesionais dos ditos eidos de actividade.
A UDC lembra que se trata da primeira vez que se bota man da técnica
de mentoring grupal nun proxecto de fomento das STEAM
(Science,Technology, Engineering, Arts and Maths) entre
estudantes de Primaria.
A
iniciativa Inspira STEAM
nace hai tres anos na Universidade de Deusto como un proxecto de
responsabilidade social e voluntariado. A primeira edición
desenvolveuse en 2016. De Euskadi, posteriormente, deu o chimpo a
Cataluña, Madrid, Andalucía, Asturias, Pontevedra e agora na
provincia da Coruña da man da Universidade da Coruña. En total,
serán quince as mentoras que participen nesta primeira edición do
nodo da provincia da Coruña: mulleres científicas e tecnólogas dos
eidos da Enxeñaría Informática, a Enxeñaría Industrial, a
Arquitectura, a Bioloxía, as Ciencias, a Enxeñaría de Camiños e
Matemáticas, que desenvolven a súa actividade profesional en
diferentes ámbitos (académico, empresas de xenómica, de
videoxogos, de enxeñaría e de arquitectura, incluíndo tamén á
directora da Domus e a unha mentora pertencente ao Servizo Galego de
Saúde).
As
mentoras traballarán coas mozas ao longo de seis sesións, onde se
tratarán temas como os estereotipos que nos rodean, as profesións
STEAM ou mulleres e ciencia ao longo da historia, para, en palabras
da UDC, “axudarlles a disipar dúbidas e obxeccións sobre as
profesións en ciencia e tecnoloxía, a clarificar as súas
motivacións e a afianzar a súa autoestima para iniciar o seu camiño
profesional”. A Universidade da Coruña ponse á disposición dos
colexios interesados para organizar as sesións en función das
inscricións a este programa Inspira STEAM.