A UDC e Videoxogo.gal organizan unha game jam arredor das Meninas de Ferrol

martes, 7 de xullo do 2020 S. P.

A Universidade da Coruña e a asociación Videoxogo.gal organizan unha game jam do 18 ao 25 de xullo, baixo o título de Meninas Jam. O obxectivo é fomentar o espírito creativo e o interese polo desenvolvemento de videoxogos. Segundo informan as entidades organizadoras, trátase de xuntar creadoras e creadores de produtos de lecer dixital para que dean forma a novas contribucións durante a experiencia colectiva.
A iniciativa xorde polo interese cada vez maior da Universidade da Coruña polas posibilidades creativas, participativas e de negocio que ofrece este tipo de lecer dixital, unha industria emerxente e grandes posibilidades na nosa terra, con grandes e prometedores talentos. A este respecto, a UDC lembra que conta cunha importante oferta para a formación de profesionais orientados a esta industria tecnolóxica. Así, en 2018 púxose en marcha o Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, unha formación pública e oficial de dous anos de duración que se empraza na Escola Politécnica Superior do Campus de Esteiro en Ferrol.
As Meninas de Ferrol dan nome a este evento, e a cidade inspira algúns dos temas propostos para a creación dos xogos. A temática definitiva será escollida por votación entre os participantes da jam ao inicio do evento.

PUBLICIDADE