A UDC e o Concello destacan que a Cidade das TIC xerará milleiros e postos de traballo directos e indirectos

venres, 10 de xullo do 2020 Sonia Pena

O 8 de xullo o proxecto para crear unha Cidade das TIC na antiga Fábrica de Armas da Coruña colleu novo impulso de face á súa materialización definitiva. E fíxoo da man das dúas entidades que, xunto coa Deputación e a Xunta, máis esforzos están a envorcar na iniciativa: a Universidade da Coruña e o Concello, que mantiveron unha comisión informativa en María Pita. Nesta xuntanza, representantes dos grupos municipais e o reitor, Julio Abalde, avaliaron a evolución do proxecto e os pasos dados facer realidade este centro de coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico, que será, dixeron, un importante motor do emprego.
No transcurso da reunión o Concello ratificou o seu compromiso co proxecto Cidade das TIC, a través de distintos investimentos para o acondicionamento urbano que permitirá, nas súas palabras, “a correcta integración da infraestrutura da Fábrica de Armas na cidade, así como o desenvolvemento de vías urbanas, transporte público e servizos básicos”.
Segundo explicaron dende o Concello, para o devandito fin farase que os edificios que lindan coa avenida de Alfonso Molina sexan destinados a servizos para a veciñanza. O Concello, explicou a edila de Innovación e Industria, Eva Acón, traballa con todas as entidades implicadas para “sacar adiante un proxecto vital para o sector empresarial, universitario e social da cidade”, que impulsará a chegada de novas iniciativas e “xerará milleiros de postos de traballo directos e indirectos”.
No transcurso da xuntanza o reitor informou aos grupos políticos da evolución do proxecto, poñendo o foco na subvención de 4,8 millóns de euros concedida polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) á Sociedade Xestora CSA para a posta en marcha do Centro de Servizos Avanzados. Para iso, dixo, está previsto que comece a rehabilitación do primeiro edificio da Fábrica de Armas, onde “se habilitarán espazos para catro laboratorios que darán acubillo a probas técnicas e demostracións de dispositivos intelixentes; á prestación de servizos materiais; ou ao aloxamento de empresas do sector que dean lugar a novos proxectos ou a novas empresas”.
Julio Abalde anunciou que no mes de setembro convocarase un concurso de ideas con fin de recuperar as naves e preparar eses espazos para os seus futuros usos. Os traballos arrincarán coa rehabilitación do edificio número 1, onde se situará o Centro de Servizos Avanzados, e seguirán nos edificios 6 e 3.
Na xuntanza, a maiores, analizouse a figura xurídica de carácter público (consorcio o fundación) que xestionará o desenvolvemento do proxecto e na que estarán incluídos o Concello, a Universidade e a Deputación, así como a necesidade de avanzar na integración das empresas que xa manifestaron o seu interese en asentarse no centro tecnolóxico de Pedralonga.

PUBLICIDADE