A UDC retoma a actividade do proxecto europeo que dá forma á materia de IA no Bacharelato

mércores, 20 de maio do 2020 Sonia Pena

A Universidade da Coruña coordina un proxecto europeo para materializar a futura materia de Intelixencia Artificial no Bacharelato. Os labores de coordinación está a desenvolver o profesorado e o persoal técnico ligado ao Grupo Integrado de Enxeñaría, con sede de operacións no Campus de Ferrol, e ao Centro de Investigación TIC (CITIC), no Campus de Elviña da Coruña. O proxecto de innovación educativa chámase AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School e, como dixemos, ten o obxectivo de elaborar un plan de estudos para unha futura materia de Intelixencia Artificial adaptado á educación preuniversitaria en Europa. A UDC conta con seis socios neste proxecto: centros de ensino secundario e de bacharelato de Italia, Lituania, España (Fene e Cambre), Eslovenia e Finlandia.
Logo dunha pequena pausa por mor da crise sanitaria da COVID -19, o profesorado e persoal técnico da UDC retoma novamente a actividade para avanzar neste proxecto.
Para poder levar a cabo o proxecto AI+, a Universidade da Coruña conta coa colaboración de seis socios. Trátase de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos distintos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España).
O Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) concedeulle este proxecto de innovación educativa á Universidade da Coruña en decembro do ano pasado. A iniciativa ten unha duración de tres anos e conta cun financiamento de 371.512 euros, o maior de todas as concedidas na convocatoria K201 (educación escolar) en 2019.
Desde o GII aseguran que este proxecto constitúe “unha grande oportunidade para o Campus de Ferrol, para a UDC e tamén para o sistema educativo galego xa que lles permitirá posicionarse como referente en innovación tecnolóxica en España e Europa”. Grazas a esta iniciativa, engaden, “a UDC liderará a creación dun plan de estudos para unha materia que terá unha gran demanda nos próximos anos en todo o mundo”.

PUBLICIDADE