A UOC dará servizo ao crecente alumnado galego dende a súa sede de Vigo

xoves, 13 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Universitat Oberta de Catalunya (UOC) xa ten presenza “física” na nosa terra, máis polo miúdo en Vigo, onde conta dende este verán cun punto de atención no Impact Hub local e onde impulsará, dende alí, ámbitos tecnolóxicos concretos como a saúde dixital (eHealth). A sede da UOC será inaugurada o vindeiro 19 de setembro nun acto que contará coa presenza do concelleiro de Orzamentos e Facenda do Concello de Vigo, Jaime Aneiros. Dende as dependencias galegas, a universidade virtual dará servizo ao alumnado galego, “cuxo número vénse incrementando un 30% cada novo curso”. Sobre todo nos graos de Enxeñaría Informática, Psicoloxía e Deseño e Creación Dixital, e nos últimos semestres, o de Artes.
Con motivo da inauguración organizouse a mesa redonda Como acelerar os servizos en Saúde Dixital cando a tecnoloxía xa non é o problema, na que participará Marta Aymerich, vicerreitora de Planificación Estratéxica e Investigación da UOC e presidenta do Consello de Dirección do eHealth Center, e máis Patricia Díaz, co-fundadora e responsábel de Proxectos de Impact Hub Vigo, entre outros persoeiros locais vencellados á saúde e a educación.
O obxectivo da UOC é trasladar a Galicia a súa aposta firme pola saúde e a tecnoloxía liderada fundamentalmente a través do eHealth Center, o primeiro centro académico especializado en saúde electrónica do sur de Europa. Este organismo, lembra a entidade académica catalá, aglutina todo o coñecemento que se xera desde a Universidade no ámbito da saúde en liña.
A Universitat elixiu Vigo pola “súa localización estratéxica” e apostou por Impact Hub “porque é unha rede de persoas e empresas con valores responsábeis para xerar impacto global a partir de accións locais”.
Como lembraremos, a UOC é unha universidade que ofrece formación en liña. Os estudantes só necesitan ter conexión a Internet para acceder ao seu Campus Virtual, impulsando a súa formación a partir de proxectos e actividades, tanto individuais como colaborativas cos compañeiros da materia
A UOC está en todo o mundo: ten máis de 58.000 estudantes en máis de 90 países e sedes en España, México e Colombia.

PUBLICIDADE