A USC renova a súa web e anuncia o vindeiro lanzamento dunha app

martes, 10 de decembro do 2019 Redacción

A Universidade de Santiago quere rematar o ano cunha gran novidade tecnolóxica: a estrea da súa nova feitura web (dispoñíbel en www.usc.gal) moito máis informativa e visual, dinámica e aberta a procesos evolutivos e contribucións vindeiras. A institución acompañou o lanzamento doutra gran novidade: a vindeira posta a disposición da comunidade universitaria dunha aplicación móbil. Tanto a web como a app forman parte dun proceso integral de renovación da imaxe institucional da USC, iniciada polo actual equipo de Goberno. “Non se trata dun simple cambio estético senón que recolle a necesidade de adaptar a estratexia comunicativa dixital e os seus contidos aos tempos, ás persoas e ás tecnoloxías actuais”, explican os seus integrantes.
Polo que se refire aos traballos despregados sobre a web externa, centráronse na imaxe que reciben os usuarios nun primeiro nivel, no máis externo, e que xira ao redor da “idea de contar cunha ferramenta de comunicación actual propia para a USC coma se dun medio de comunicación se tratase co obxectivo de potenciar a imaxe cara ao público xeral”, explica a institución, engadindo que na segunda das fases, a da remodelación da web da comunidade, estenderase o dito proceso ás páxinas dos centros, facultades, servizos e todas aquelas que “forman parte do corazón da USC”, a onde acceden os usuarios que, maioritariamente, xa forman parte da comunidade universitaria. Nesta segunda fase tamén se traballa na creación dunha intranet.

Mar Lorenzo, Antonio López e Gumersindo Feijoo na presentación da nova páxina celebrada hoxe. Foto: Santi Alvite

O Goberno da Universidade de Santiago salienta que o proceso buscado para dar forma a estas novidades foi un proceso colaborativo de todo o colectivo da USC: “Durante meses leváronse a cabo grupos de discusión con representantes do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos, alumnado propio, alumnado de ensinanzas medias, pais e nais así coma orientadores de institutos, empresas, etc. cun único obxectivo: todas e todos debían recoñecerse no novo portal web”.
O resultado é “unha implementación que dá prioridade á consulta de información desde dispositivos móbiles, en consonancia coas demandas de usabilidade contrastadas nas discusións cos grupos de usuarios e usuarias”.

PUBLICIDADE