A UVigo e Boeing achegarán formación aeroespacial para o noso alumnado

mércores, 18 de setembro do 2019 Redacción

A Universidade de Vigo e Boeing Research & Technology Europe asinaron hoxe un acordo de colaboración para impulsar na nosa terra a formación aeroespacial. A alianza abrangue iniciativas concretas e visíbeis, como a creación dun laboratorio na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, emprazada no Campus de Ourense, ou a realización de prácticas do alumnado deste centro na devandita empresa aeronáutico. Tamén se porá en marcha un premio para visualizar o talento.
O acordo forma parte do Proxecto SkyWay, a achega de Boeing ao Civil UAVs Initiative da Axencia Galega de Innovación (GAIN), con financiamento da Xunta de Galicia e os fondos europeos FEDER. Na sinatura participaron o reitor Manuel Reigosa, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o director xeral da Boing Research Europe, José Enrique Román.
Segundo fixeron saber, o obxectivo do acordo é “promover o desenvolvemento de competencias profesionais no alumnado universitario; mellorar a capacitación, ampliar ou actualizar os coñecementos, técnicas ou habilidades dos membros da comunidade universitaria ou outros profesionais para adaptalos ás necesidades da empresa, fomentar a formación continua, a innovación e a investigación”.
O convenio contempla cinco liñas de actuación. A primeira delas é a dotación de material para a creación nos vindeiros meses dun laboratorio destinado ao estudo de actividades aeroespaciais que se denominaría Boeing-Lab e que estaría localizado nas instalacións da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Este material incluiría elementos como tecnoloxías de cómputo, software de investigación e análise, simuladores de tráfico e/ou voo, etc. Ademais, a colaboración abrangue a organización de xornadas de difusión conxuntas centradas na tecnoloxía aeroespacial; promover o Premio Boeing ao mellor expediente académico nos diferentes títulos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; a oferta de prácticas na empresa para o alumnado deste centro e a proposta por parte de Boeing de liñas de actividade relativas a traballos fin de grao, mestrado ou doutoramento. Para estas accións, Boeing achegará en 2019 e 2020 un total de 50.000 euros.
Proxecto SkyWay
Segundo se explicou no acto de hoxe, a iniciativa abrolla directamente de SkyWay, que colleu pulo en 2018, cando a firma Boeing, a través do seu Centro Europeo de Investigación e Tecnoloxía (Boeing Research & Technology-Europe), resultou adxudicataria do proxecto lanzado pola Xunta de Galicia baixo a fórmula de compra pública pre comercial para abordar a xestión e seguridade de tráfico para espazos aéreos compartidos dentro do marco do polo galego de innovación aeroespacial Civil UAVs Initiative. “O principal obxectivo deste proxecto é o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que permitan avances nos retos operativos e de seguridade que implica o despregue de sistemas non tripulados en espazos aéreos compartidos”, explicouse hoxe, engadindo que a posta en marcha de SkyWay inclúe unha serie de actividades clave no marco socio-económico para Galicia.

PUBLICIDADE