A UVigo e o Concello de Ourense fortalecen a colaboración ao abeiro do futuro Centro de IA

mércores, 18 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo e o Concello de Ourense reuníronse hoxe para facer avanzar no Campus local a formación máis avanzada: a máis directamente ligada ás tecnoloxías intelixentes e as súas capacidades para impulsar a industria, a sanidade, as comunicacións e o coñecemento. Na xuntanza, na que participaron Gonzazo Pérez Jácome (alcalde) e Manuel Reigosa (reitor), tratouse a fondo a cuestión do vindeiro Centro de Intelixencia Artificial con sede na cidade das Burgas, un proxecto arredor do cal haberá “unha cooperación clara” entre ámbalas entidades.
O proxecto, impulsado polo Concello, tamén será a base dunha nova reunión vindeira, na que van participar o alcalde e o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Reigosa cualificou o Centro como “un proxecto de cidade moi interesante, que pode rexenerar moitas sinerxías coa nosa Escola de Informática, polo que estamos dispostos a apoiar o proxecto e esperamos que sexa un éxito para a cidade, para a cidadanía e para as dúas institucións”, sinalou o reitor.
O centro de IA, tal e como fixemos saber este verán, terá o seu centro de operacións primeiro nunha das sedes principais de Abanca en Ourense. Será, en palabras da Administración local, “un referente de innovación que situará a cidade na vangarda mundial da Intelixencia Artificial”. A intención do Goberno de Pérez Jácome é dotar ao centro dun emprazamento definitivo e específico, unha vez que colla impulso nas dependencias de Abanca.

PUBLICIDADE