A UVigo prepara dous cursos de especialista en protección de datos e en 5G

luns, 3 de xuño do 2019 Redacción

O director da EET, Íñigo Cuiñas

Galicia quere ser punteira en tecnoloxía 5G, un dos piares fundamentais do progreso tecnolóxico mundial. E quere selo a través de proxectos concretos de desenvolvemento (nada máis e nada menos que 18) e, tamén, a través de contribucións formativas de alto nivel. Por exemplo a que presentou hoxe a Universidade de Vigo. Trátase dun curso sobre a devandita tecnoloxía que se acompaña, con inicio no mes de setembro, doutro que afonda nun tema igual de candente: a protección de datos.
Ambas contribucións formativas dependerán da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, cuxo director, Íñigo Cuiñas, salientou hoxe que existe “unha necesidade de formación de profesionais en ambos ámbitos, un deles máis tecnolóxico e o outro máis xurídico-social”.
No que se refire ao curso de 5G, a EET colabora para a súa posta en marcha con especialistas das operadoras, a través das entidades autonómicas AMTEGA e RETEGAL. Segundo informan os impulsores desta iniciativa formativa, o miolo da mesma será a quinta xeración (5G) de comunicacións móbiles, que “representa o futuro inmediato da telefonía e que se plasma no Plan Galicia 5G, aprobado pola Xunta de Galicia hai un ano”. A UVigo tamén lembra que os operadores móbiles están a promover probas de concepto en diferentes ámbitos, entre eles na propia Universidade, onde Orange e Nokia teñen un proxecto demostrador 5G no ámbito educativo, coa instalación na EET dunha estación base 5G experimental e a dotación dunha aula para experiencias de clases remotas coa realidade aumentada a través de conexións 5G.
Sobre o curso de delegado de Protección de Datos, responde a demandas claras e urxentes de múltiples empresas da nosa terra, sexan ou non do ámbito TIC, e ademais ten vertentes tanto na tecnoloxía de redes e servizos como no eido legal. Para a súa elaboración a UVigo colaborará co bufete Pintos & Salgado Abogados. A posta en marcha deste curso de especialista en Delegado de Protección de Datos responde á entrada en vigor do novo Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD), que supón un incremento na demanda de profesionais deste sector, en especial da nova figura do DPO, que será de obrigada designación en numerosos supostos. O curso está dirixido a profesionais das áreas do dereito, a seguridade da información, a tecnoloxía ou, en xeral, de calquera sector relacionado coa salvagarda da información, que queiran obter a Certificación de Delegado de Protección de Datos ou traballar como DPD-DPO. Na posta en marcha do curso están involucrados o propio Íñigo Cuiñas, a profesora de Ciencias Xurídicas e do Traballo Esther Pillado, o profesor da EE Industrial Ignacio Armesto e a delegada de Protección de Datos da Universidade, Ana Garriga.

PUBLICIDADE