A Vision 32 permítenos replicar a experiencia dos salóns recreativos na casa

luns, 26 de maio do 2014 Marcus Fernández

Para atender a demanda nostálxica de moitos afeccionados aos videoxogos que pasasen moitas horas nos salóns creativos non son poucas as compañías que fabrican mobles para facer posible ter a nosa propia máquina recreativa no fogar, e nesta liña podemos destacar o último produto de Dream Arcades, empresa californiana que comercializa agora a Vision 32, unha máquina que emprega como pantalla un monitor de 32 polgadas e que destaca por incluír máis 140 videoxogos clásicos sen que o usuario sexa consciente de que no interior do moble hai un ordenador.
Este equipo integra no seu interior un ordenador Pentium IV a 3 GHz, 1 Gb de RAM, 80 Gb de disco duro, CD-ROM, Ethernet, botóns, un trackball de 2,25 polgadas, un teclado oculto, botóns laterais para poder gozar de xogos de pinball e todo iso correndo baixo Windows XP. Non temos así unha tecnoloxía que resulte especialmente punteira, pero que resulta dabondo para poder correr vellos títulos de Atari como Pong, Asteroids ou Lunar Lander, de Midway como Spy Hunter, Gauntlet ou Paperboy, de Namco como Pac-Man ou Xevious ou incluso os grandes títulos de Digital Leisure deseñados por Don Bluth (Dragon’s Lair, Dragon’s Lair II e Space Ace) aos que poden engadirse moitos outros lotes de xogos de xeito totalmente legal.
Por desgraza, este tipo de produto non é precisamente económico, e a Vision 32 de Dream Machines véndese por 2.699 dólares (1.978 euros), o que supera sobradamente os prezos polos que poden adquirirse máquinas recreativas auténticas.

PUBLICIDADE