A Wii U chegará a Europa o 30 de novembro a prezos que parten dos 299,95 euros

xoves, 13 de setembro do 2012 Marcus Fernández

O Pack Premium de Wii U chegará o 30 de novembro a un prezo recomendado de 349,95 euros

Esta tarde o presidente de Nintendo Europa, Satoru Shibata, colleu o relevo do seu homónimo, Satoru Iwata, e sorprendeu esta tarde anunciando que o lanzamento da Wii U en Europa será o vindeiro 30 de novembro, ou sexa, unha semana antes de que chegue ao Xapón. Curiosamente os xaponeses van ser os últimos en ver a chegada da súa consola, que nos EE.UU. porase á venda o 18 de novembro (buscando así normalizar as súas vendas antes de Acción de Grazas).
A España a Wii U chegará en 2 versións diferentes: un lote básico que inclúe unha Wii U con 8 Gb de capacidade de almacenamento interno e un Wii U GamePad (ambos en cor branca) e un lote Premium que chegará en cor negra, amplía a súa capacidade interna a 32 Gb e inclúe adicionalmente un soporte para a consola e o GamePad, unha base de recarga do GamePad, unha barra de sensores e o xogo Nintendo Land. En ambos casos incluirase un cable HDMI e adaptadores de corrente para a consola e o mando. O Premium Pack tamén dará acceso a un programa de fidelización chamado Nintendo Network Premium que recompensa con puntos as compras dixitais na Nintendo eShop, que corresponderán aproximadamente ao 10% do prezo orixinal dos produtos, podendo empregarse como crédito en compras unha vez superados os 500 puntos.
Aínda que Nintendo non deu os prezos oficiais da Wii U para España, os distribuidores están a dar conta dos prezos recomendados, de xeito que o modelo básico custaría 299,95 euros, o Premium custaría 349,95 euros e tamén estarían dispoñibles lotes cun xogo adicional por 389,95 euros.

A Wii U contará con títulos multiplataforma de grande éxito como Call of Duty: Black Ops II

Durante a presentación Nintendo Direct na que anuncian os plans europeos para a Wii U citaron os xogos que chegarán á Wii U o día da súa estrea europea, no que parece un catálogo de lanzamento bastante sólido con New Super Mario Bros. U, Nintendo Land, FIFA 13, ZombiU, Rayman Legends, Call of Duty: Black Ops II e Mass Effects 3: Edición Especial, títulos cos que poden chegar a un público moi amplo.
Tamén aproveitaron a presentación para informar de que Platinum Games está a desenvolver de xeito exclusivo para Wii U os xogos Bayonetta 2 (sen dúbida, a sorpresa da xornada) e The Wonderful 101. LEGO City: Undercover tamén será outro xogo exclusivo para Wii U (desenvolvido por TT Games) e en marzo de 2013 tamén estará dispoñible Monster Hunter 3 Ultimate, que non só terá versión para Wii U, senón que tamén venderase para a Nintendo 3DS, abrindo novas posibilidades de interacción entre ambas plataformas, e incluso continuar unha partida de Wii U na 3DS cando esteamos fóra de casa.
Aparte dos xogos mencionados, antes do 31 de marzo de 2013 haberá unha grande coleccións de xogos dispoñibles para a Wii U, entre os que están confirmados os seguintes: NBA 2K13, 007 Legends, TRANSFORMERS PRIME, Skylanders Giants, Cabela’s Dangerous Hunts 2013, Disney Epic Mickey 2: The Power of Two, Madden NFL 13, Trine 2: Director’s Cut, Runner2: Future Legend of Rhythm Alien, TEKKEN TAG TOURNAMENT 2 Wii U Edition, TANK! TANK! TANK!, Rise of the Guardians, Ben 10 Omniverse, Family Party: 30 Great Games Obstacle Arcade, NINJA GAIDEN 3: Razor’s Edge, SiNG PARTY, Game & Wario, Aliens: Colonial Marines, Sonic & All-Stars Racing Transformed, Nano Assault Neo, Warriors Orochi 3 Hyper, Darksiders 2, Toki Tori 2, Assassin’s Creed III, Just Dance 4, Marvel Avengers Battle for Earth, Rabbids Land, Sports Connection, Your Shape: Fitness Evolved 2013, Scribblenauts Unlimited, Game Party Champions e Batman: Arkham City Armoured Edition.


Vídeo de presentación dos plans europeos de Nintendo para a Wii U


Trailer de Bayonetta 2, xogo que sorprendentemente chegará en exclusiva para Wii U, pese a que a súa primeira entrega non estaba dispoñible para consolas de Nintendo

PUBLICIDADE