A Wii de Nintendo consolídase como a videoconsola máis vendida en xaneiro

xoves, 22 de febreiro do 2007 Raquel Noya

A compañía de investigación de mercados NPD vén de facer públicas as cifras de vendas das consolas de nova xeración no pasado mes de xaneiro en Estados Unidos. Segundo a mesma, a Wii de Nintendo gabeou até a primeira posición como a consola de videoxogos máis vendida, coa nada desprezable cifra de 436.000 unidades. A Xbox360 sitúase como a segunda consola de máis saída no mercado, con 294.000 unidades, seguida da Playstation 3 de Sony con 244.000 vendas. A Playstation 2, malia levar xa sete anos no mercado, acadou a cifra de 300.000 unidades este mes.
A desorbitada diferenza de prezo entre a Wii e a Playstation 3 (esta última costa máis do dobre da outra), que saíron practicamente á par neste país, puído ser a causa principal da desproporción das vendas entre unha e outra casa, pois a Wii case dobrou en número de unidades vendidas á consola de Sony.
Normalmente, xaneiro é un mes de transición trala campaña de Nadal, polo que as vendas de videoconsolas de última xeración caeron de xeito considerable respecto do pasado decembro de 2005: a Wii vendeu máis de 600.000 unidades menos, a Xbox360 foi a que máis baixou, cunha caída de 1,13 millóns de unidades e a Playstation 3 pechou o mes con 491.000 consolas menos que no período consumista do Nadal.

PUBLICIDADE