A Wii: elixida na Web icona gai

martes, 10 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Coas iconas gai, nunca se sabe. E dicirmos isto polo seguinte: quen ía imaxinar que esa consola de vídeo xogos da que tanto se fala e de nome tan particular, Wii, ía converterse co paso das semanas nun obxecto de culto da comunidade homosexual? Isto non o dicimos nós, senón os lectores de Chueca.com, e as súas razóns para terlle posto ó devandito aparello de Nintendo tal etiqueta responden principalmente ó seu coidado deseño, que deixa marxe para unha ampla liberdade de movementos e mesmo para converter en realidade unha vella arela dos usuarios de máquinas de step e demais parafernalia ximnástica: exercitarse sen morrer de aburrimento. Pero hai máis: o feito de que sexa Jesús Vázquez o encargado de anunciar a Wii en Telecinco semella tamén unha razón de peso.
Asemade, a comunidade gai que se reúne virtualmente arredor de Chueca.com valora de xeito moi positivo a aposta de Nintendo por xogos onde prima o lecer e a xogabilidade sobre a violencia. Por estas e outras razóns, a Wii (xunto co mítico fontaneiro Mario, ó que se cualifica como personaxe gai por antonomasia) ben podería chegar a converterse nun aparello tecnolóxico que simbolice certas cuestións relacionadas coa liberdade e o entendemento, por moito que soe raro (e, de feito, soa raro) ligar a unha multinacional e a un produto industrial coma este con conceptos como o de tolerancia.
Pola contra, tamén é posible que determinados colectivos retrógrados aproveiten no futuro para culpar á Wii da corrupción moral de Occidente mentres non din unha soa palabra dos xogos nos que se fai exaltación da violencia. Todo pode suceder, que xa se sabe que de estupidez humana anda o mundo ben servido.

PUBLICIDADE