A Xbox 360 gozará dunha nova actualización o 6 de abril

venres, 26 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Nos pasados días filtrouse a información de que a Xbox 360 podería permitir o uso de discos duros externos e memorias USB coma unidades de memoria válidas para almacenar contidos descargables, partidas, perfís de xogador… e finalmente dende Microsoft confirman que vai ser así a partires da actualización da súa consola que chegará o vindeiro 6 de abril.
Tamén confirman que limitarán a utilización deste tipo de unidades a 2 e cunha capacidade máxima de 16 Gb cada unha, deixando o resto da súa capacidade dispoñible para o seu uso cando conéctese a un ordenador. Tamén inciden na conveniencia de utilizar unidades de memoria Flash en vez de discos duros, pola súa maior velocidade, o que melloraría a experiencia de uso coa Xbox 360, ao reducir os tempos de carga e ocupar tamén menos espazo físico. De feito, incluso chegaron a un acordo co fabricante SanDisk para comercializar memorias USB destinadas para tal uso (que virían pre-configuradas, de xeito que o usuario evitaría o proceso de preparación destas unidades dende os menús da consola).

PUBLICIDADE