A Xbox 360 renova a súa imaxe

luns, 14 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Os rumores de que Microsoft estaba a preparar unha versión slim da súa Xbox 360, xunto con filtracións de imaxes da súa placa base, daban a entender que no E3 parecería unha nova consola doméstica da compañía de Redmond, o que finalmente veuse confirmado xunto co anuncio de que comezaban este mesmo luns a súa distribución nos EE.UU. e mesmo regalaban unha a cada un dos asistentes á conferencia de Microsoft na feira de videoxogos de Los Ángeles. En España, en cambio, deberemos agardar ao 16 de xullo para facernos con esta nova consola que conta con poucos cambios.
A nova Xbox 360, que finalmente non ten un nome especial (como tamén aconteceu coa última PS3) destaca por ter unha aparencia externa renovada, cun tamaño máis reducido e unhas liñas máis marcadas, que inicialmente venderase en negro como a Xbox 360 Elite, modelo ao que parece substituír, pois estamos a falar dunha consola con disco duro de 250 Gb e Wi-Fi N integrado, que nos EE.UU. comezará a venderse mañá por 299 dólares.
O que confirma este redeseño da Xbox 360 é que Microsoft continúa a confiar nesta xeración de consolas de videoxogos, de xeito que aínda deberían quedarlle varios anos de vida a esta consola que está a ser un éxito sen precedentes para Microsoft (especialmente nos EE.UU.).

As difenzas entre a Xbox 360 clásica e a nova Xbox 360 son cativas (fóra do estético).

PUBLICIDADE