A Xbox 360 supera as 750.000 consolas vendidas no Black Friday

martes, 27 de novembro do 2012 Marcus Fernández

A estrea da Wii U nos EE.UU. parecía un grande éxito ao conseguir colocar 400.000 unidades na súa primeira semana, esgotándose as súas existencias, pero agora que Microsoft publica os resultados durante o pasado venres da súa consola doméstica, os resultados da Wii U vense totalmente eclipsados polas máis de 750.000 consolas Xbox 360 que conseguiron vender nos EE.UU. durante o Black Friday. Non só tiveron unhas boas vendas da consola, senón que tamén rexistraron un incremento de máis do 50% das subscricións a Xbox LIVE Goldj fronte a xornada do ano pasado, indicando que o interese polo xogo en liña continúa en aumento.
Durante a fin de semana a actividade de Xbox LIVE tamén foi trepidante, con máis de 72 millóns de horas de uso en só 1 día, o que supón un 43% máis que no Black Friday de 2011. En definitiva, que Microsoft tivo un Black Friday de grande éxito e a Xbox 360 volveu demostrar que é a consola de videoxogos líder nos EE.UU.
Cómpre destacar que hoxe mesmo a Xbox 360 está a recibir unha actualización do seu software de sistema, que é de obrigada instalación para os usuarios que queiran gozar de Xbox LIVE, e que corrixe certos problemas detectados con Xbox SmartGlass, Xbox Video e Xbox Music.

PUBLICIDADE