A Xbox 360 terá un xogo con cana de pescar

luns, 27 de abril do 2009 Marcus Fernández

A consola Dreamcast de SEGA é lembrada por moitos como unha das mellores plataformas de xogos do seu momento, que por desgraza tivo unha decadencia moi pronta, e pola curiosidade de que contaba cunha cana de pescar coma accesorio (o que incluso consideraban coma o precursor do mando da Wii), e este tipo de dispositivo de control ameaza con volver acompañando á versión de Xbox 360 do xogo de pesca The Strike que se vendería nos EE.UU. por 69,99 dólares a partir de setembro, contando tamén con versións para PC e Wii (entendemos que sen o peculiar controlador, pois especialmente no caso da Wii non sería preciso).
O xogo está a ser desenvolvido por Griffin International (compañía que tamén prepara un título de caza baixo o título The Hunt) e conta co patrocinio de Bass Pro Shops (cadea de tendas que conta con presenza virtual no xogo).
Este novo título promete ser moi completo, permitindo personalizar ao pescador, percorrer 10 lagos que reproducen á perfección localizacións reais, contando con 110 tipos de cebo e incluso podendo seguir distintas estratexias para pescar na consola.
O mando con forma de cana de pescar para a Xbox 360 parece que será o elemento diferenciador deste xogo, do que podemos ver un adianto no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE