A Xbox One S poderase mercar co xogo FIFA 17

martes, 16 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración da Gamescom en Colonia, Microsoft realizou varios anuncios durante as últimas horas, como o feito de que o 22 de setembro, en colaboración con EA Sports, vai pór á venda lotes da nova consola Xbox One S de cor branca xunto co xogo FIFA 17 en formato descargable, 1 mes de EA Access e 14 días de Xbox LIVE Gold, que chegará en dúas versións: unha de 500 GB que custará 299 dólares nos EE.UU., e outra cun disco duro de 1 TB que custará 349 dólares, e que tamén incluirá un lote de xogadores raros do Ultimate Team. Os prezos para España aínda non se fixeron públicos, pero parece probable que se aplique a paridade euro-dólar, se atendemos aos prezos que ten actualmente a Xbox One S nos EE.UU. (de xeito que non penalizarían aos consumidores europeos cun recargo adicional como en anteriores ocasións).
Microsoft tamén insiste no feito de que a Xbox One S é unha compra moi atractiva para os posuidores dun televisor 4K, xa que a revisión da súa consola engade soporte para películas Blu-ray en ultra alta definición e con HDR. Como valor engadido para a plataforma de Xbox One tamén colleu moito peso a retrocompatibilidade, ou sexa, que moitos dos xogos de Xbox 360 pódense reproducir na consola de nova xeración, o que permite que o catálogo de xogos dispoñible sexa moi amplo e resulte especialmente atractiva a contratación de Xbox LIVE Gold, xa que inclúe cada mes 2 xogos para Xbox One e 2 para Xbox 360, ou sexa, 4 xogos en total para a nova consola, mentres que o equivalente de Sony só inclúe 2 xogos ao mes para PS4.

Os accesorios de Xbox chegan ao PC

Unha curiosidade presentada por Microsoft hoxe mesmo é a ampliación do ecosistema Xbox Wireless, de xeito que para empregar os accesorios sen fíos para Xbox One xa non será preciso mercar un adaptador externo, senón que moitos ordenadores (principalmente orientados para gamers) incluirán xa esta tecnoloxía de serie, de xeito que permitirán empregar os mandos, os auriculares e os instrumentos musicais da consola baixo Windows 10.

Minecraft en VR

Outra das novidades anunciadas con orgullo por parte de Microsoft é que o equipo de Mojang adaptou o seu célebre xogo Minecraft á realidade virtual de Oculus, de xeito que os que merquen as Oculus Rift poderán gozar en breve deste xogo de grande éxito na súa versión beta para Windows 10, conseguindo así un nivel de inmersión no xogo sen precedentes.
Microsoft xa tiña desenvolvementos de Minecraft para as súas HoloLens, pero como esta aínda é unha tecnoloxía para o futuro vese que quixeron aproveitar que o vindeiro outono vai ser o da realidade virtual para demostrar que as súas grandes franquías poden tirar proveito deste fenómeno emerxente.

Vídeo no que explican como adaptou Minecraft á Oculus Rift

PUBLICIDADE