A Xbox One S sen lector de discos podería saír á venda o 7 de maio

luns, 15 de abril do 2019 Marcus Fernández

Unhas imaxes filtradas da nova Xbox One S sen lector de discos Blu-ray dan a entender que esta nova consola chegará a Alemaña (e previsiblemente tamén o resto de Europa) o vindeiro 7 de maio a un prezo de 229 euros, confirmando así os rumores das últimas semanas que apuntaban a que Microsoft prepararía unha versión máis económica da súa Xbox One con 1 TB de disco duro e orientada aos xogos en formato descargable (especialmente achegados a través de subscricións a Xbox Game Pass).
A consola sen lector de discos incluiría sen custo adicional códigos de descarga para Minecraft, Sea of Thieves e Forza Horizon 3, e suporía un importante aforro fronte aos 299 euros que custa oficialmente a Xbox One S. Cómpre salientar que aínda que o prezo oficial da Xbox One S con 1 TB de disco duro é de 299,99 euros, resulta relativamente doado atopala por 199,99 euros (ou incluso menos), polo que parece razoable pensar que a versión sen disco desta consola poderá chegar a ter prezos realmente agresivos (próximos aos 100 euros) en campañas promocionais.

PUBLICIDADE