A Xbox One actualízase para reproducir Blu-ray 3D

luns, 18 de agosto do 2014 Marcus Fernández

A Xbox One comeza a recibir hoxe a súa actualización de sistema do mes de agosto, que mellora as funcións sociais da consola de Microsoft, así como incorpora novas características que parten en boa medida das peticións dos usuarios, como o feito de poder realizar compras dende o móbil, de xeito que a través de Xbox SmartGlass ou Xbox.com será posible mercar xogos e contidos descargables dende dispositivos móbiles, para que, cando cheguemos ao fogar xa estean descargados.
A Xbox One incorpora un novo xeito de interactuar cos amigos a través do fluxo de actividade, incluíndo máis información e permitindo publicar texto e gustar a comentar elementos do fluxo. Tamén se poderán compartir vídeos de xogos e outros contidos no fluxo cos amigos ou publicamente.
Tamén se estrea a notificación de batería baixa, para evitar que se remate a batería do mando da consola no medio dunha partida; permítese a desactivación de notificacións durante a reprodución de vídeo; na listaxe de amigos poderemos consultar a última vez que foron vistos en liña; e incorpórase a funcionalidade de Blu-ray 3D.


Vídeo de presentación das novidades da nova actualización da Xbox One

PUBLICIDADE