A Xbox One baixa de prezo até os 299 euros

martes, 31 de maio do 2016 Marcus Fernández

Nas últimas semanas xurdiron rumores apuntando a que Microsoft presentaría na feira E3 de Los Angeles novos modelos da súa consola Xbox One, e a súa última xogada non fai máis que agrandalos, xa que vén de aplicar unha atractiva rebaixa ás consolas, de xeito que agora o prezo base da consola é de 299 euros, cos que pode mercarse a consola solta ou en lotes cos xogos Gears of War: Ultimate Edition ou LEGO La Película.
Outro pack de consola Xbox One realmente atractivo é o que inclúe a consola cun disco duro de 1 TB e os xogos Gears of War: Ultimate Edition, Rare Replay e o xogo descargable Ori and the Blind Forest, que está disipoñible por só 339 euros, converténdose probablemente no lote máis completo con respecto ao seu prezo.
Os xogadores máis esixentes tamén poden opar por facerse cunha Xbox One de 1 TB cun mando Elite, que até o momento vendíase por 499 euros e que agora tería un desconto de 50 euros. Desta volta a oferta tamén sería bastante apetecible, xa que o extraordinario mando Elite ten un prezo de 149,99 euros.
Con estes prezos podemos ter a impresión de que Microsoft quere alixeirar stock ante unha posible Xbox One slim ou outro redeseño igualmente atractivo, mentres que os rumores sobre unha consola máis potente apuntarían a que non chegaría este ano, senón que preferiría agardar un chisco para poder ligarse a unha estratexia máis completa de cara á popularización da realidade virtual.

PUBLICIDADE