A Xbox One celebrará un festival virtual de demos a finais de mes

venres, 3 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Este verán o sector dos videoxogos quedou sen eventos presenciais aos que poder achegarse para poder probar os vindeiros xogos que van a chegar ao mercado, e para suplir esta carencia dende Microsoft decidiron organizar entre os días 21 e 27 de xullo o Summer Game Fest Demo Event, unha cita para usuarios de Xbox One no que aseguran que estrearán máis de 60 versións de demostración totalmente novas de xogos en desenvolvemento, que os usuarios poderán probar de balde.
As demos dos xogos que estarán dispoñibles a fin de mes non serán as versións de demostración que habitualmente chegan ás nosas consolas, que ofrecen un fragmento dun xogo rematado de cara a potenciar as súas vendas, senón que desta volta son equivalentes ás demos que as compañías levan normalmente ás feiras de videoxogos, de xeito que os xogos atópanse en estados de desenvolvemento moi diferentes, con algúns títulos que aínda terán moito que pulir, pero que así permiten que os usuarios poidan achegarse a títulos que aínda tardarán bastante en ver a luz.
Outro detalle salientable deste festival de demos é que só estarán dispoñibles durante unha semana, e aínda que algunha poderá reaparecer na canle de demostracións de Xbox, boa parte evaporaranse ao concluír a semana.
Antes do día 21 publicarán unha listaxe completa dos xogos que participarán no evento, dos que polo momento xa destacan o xogo de rol xaponés Cris Tales, o remake do xa clásico Destroy All Humans!, a aventura Haven, o xogo de rol de acción Hellpoint, o curioso Skatebird, a aventura baseada en audio The Vale: Shadow of the Crown (que sorprenderá polo seu uso do son espacial), a aventura de acción Raji: An Ancient Epic e Welcome to Elk, unha curiosa aventura biográfica.

Haven é un dos xogos que estreará demo a finais de mes

PUBLICIDADE