A Xbox One comeza a correr xogos da Xbox orixinal

luns, 23 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Os xogos da Xbox orixinal melloran substancialmente ao correr en Xbox One

A partires de mañá o programa de xogos retrocompatibles en Xbox One amplíase, de xeito que xa non só poderemos gozar de títulos de Xbox 360 en consolas da seguinte xeración, senón que tamén será posible empregar nas novas consolas os xogos da Xbox orixinal, ou sexa, que na máquinas actuais poderemos gozar de títulos de tres xeracións consecutivas, non deixando a cousa aí, senón que tamén apuntan o feito de que a futura Xbox One X (á venda a partires do 7 de novembro) tamén poderán gozar de xogos de Xbox 360 con importantes melloras de resolución e con máis detalles de cor de estaren optimizados para a nova consola.
Resulta impresionante ver como Microsoft está a coidar o poder gozar de xogos vellos nas novas consolas, sen esixir a adquisición dunha versión remasterizada, facendo así que cando unha consola como a Xbox One X chega ao mercado poida gozar de parte do catálogo de Xbox e Xbox 360, e o catálogo completo de Xbox One, evolución que pode lembrarnos ao que habitualmente pasa cos xogos para PC.

Volven os clásicos da Xbox orixinal

Como acontece cos xogos de Xbox 360, que os xogos da Xbox orixinal funcionen en Xbox One non é algo automático, e é necesario que se vaian incorporando a un catálogo en liña os parches necesarios para a súa adaptación, comezando esta nova retrocompatibilidade con 13 xogo que multiplicarán por 4 a súa resolución ao correr en Xbox One e por 16 no caso da Xbox One X. Os xogos poderán estar en disco ou terse mercado a través da tenda dixital de Microsoft, aínda que no caso dos títulos que conten con modos multi-xogador en liña resulta evidente que non funcionarán esas funcionalidades xa que os servidores que atenden a esas conexións levan bastantes anos desconectados.
Os primeiros xogos de Xbox en correr en Xbox One serán BLACK, BloodRayne 2, Crimson Skies: High Road to Revenge, Dead to Rights, Fuzion Frenzy, Grabbed by the Ghoulies, King of Fighters Neowave, Ninja Gaiden Black, Prince of Persia: The Sands of Time, Psychonauts, Red Faction II, Sid Meier’s Pirates! e Star Wars: Knights of the Old Republic. Unha magnífica selección de clásicos que irá medrando progresivamente como aconteceu co catálogo de retrocompatibles de Xbox 360 (que xa superou os 400 títulos).

Star Wars: Knights of the Old Republic serve de exemplo para ver a mellora gráfica dun xogo da Xbox orixinal correndo en Xbox One

Melloras para os xogos de Xbox 360

Aínda que os xogos de Xbox 360 ao correr en Xbox One xa recibían algunhas melloras, os usuarios que poidan gozar dos mesmos nunha Xbox One X tamén verán como aproveitan que a consola é de ultra alta definición, de xeito que moverán 9 veces máis píxeles en pantalla sen que haxa que remasterizalos, coa simple aplicación dun método empregado no propio emulador que permite correr estes xogos en consolas da xeración seguinte. Unha grande nova para os futuros propietarios da Xbox One X, que non só terán os mellores gráficos nunha consola da presente xeración, senón que tamén poderán ver mellor xogos de Xbox 360 e Xbox One grazas á grande potencia da nova máquina.

Podemos ver como o Halo 3 de Xbox 360 mellora considerablemente ao correr en Xbox One X

PUBLICIDADE