A Xbox One estreará novos lotes nos vindeiros meses

martes, 12 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Microsoft soubo comezar con forza a Gamescom de Colonia, con bastantes anuncios entre os que podemos destacar que vai contar con novas versións da súa última consola de videoxogos doméstica, a Xbox One, como o previsible lote que incluirá o xogo FIFA 15 e que porase á venda o 25 de setembro a un prezo de 399,99 euros, ao que o 28 de outubro unirase unha edición especial co xogo Sunset Overdrive por 399 euros que destacar por ter unha consola e un mando en cor branca, recuperando unha estética máis propia da anterior xeración de consolas de Microsoft.
O último lote de Xbox One que desvelaron hoxe foi a edición limitada co xogo Call of Duty: Advanced Warfere, que sairá á venda o 3 de novembro, e que aparte de incluír o mencionado xogo e presentar unha aparencia personalzada co mesmo, destaca por contar cun disco duro de 1 Tb de capacidade (o que xustifica que o seu prezo ascenda até os 499 euros). Ningunha destas novas versións da Xbox One inclúe de serie o sensor Kinect, dando a entender que Microsoft busca agora amosar unha oferta comparable directamente en prezo coa consola de Sony.
Na feira de videoxogos de Colonia tamén están dar conta dunha serie de novidades que incorporará paulatinamente a Xbox One a través de distintas actualizacións, como unha nova sección de Amigos dende a que estar máis ao día das actividades dos nosos contactos, un Snap Center (para facilitar o salto entre aplicacións a pantalla partida sen ter que abandonar o xogo actual), mensaxes en fío (a aplicación de mensaxería agrupa agora as conversas para que sexa máis doado seguirlles o fío), unha nova aplicación de reprodución multimedia (que soportará DLNA e moitos novos formatos), compatibilidade coa sintonizadora de televisión que sairá á venda en outubro, a posibilidade de facer streaming do sinal televisivo para o seu goce dende smartphones e tablets a través da aplicación de SmartGlass, a posibilidade de configurar a consola para que inicie directamente no modo de televisión e unha nova mini-guía de programación que pode verse na parte inferior da pantalla.
No que respecta aos xogos, Microsoft amosou hoxe un novo trailer de Quantum Break con escenas reais deste prometedor título, adiantou o que será a beta multixogador de Halo 5: Guardians e presentou algún xogo entre os que destacou especialmente o feito de que Rise of the Tomb Raider vaia chegar no Nadal de 2015 en exclusiva para Xbox One. Que a secuela do último Tomb Raider non vaia estar dispoñible inicialmente para PS4 e PC foi unha nova moi mal recibida polos seareiros da franquía desenvolvida por Crystal Dynamics, dando a impresión de que se trata dunha situación temporal coa que Microsoft buscaría contrarrestar o peso que a franquía de Uncharted ten nas consolas PlayStation.


Trailer de Rise of the Tomb Raider

PUBLICIDADE