A Xbox One non precisará do sensor de Kinect para funcionar

martes, 13 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Dende Microsoft continúan a adiantar detalles da futura Xbox One, Larry Hryb quixo achegarse esta semana ao que será o seu mando, para o que gravou un vídeo con Zulfi Alam, director xeral da división de accesorios de Xbox, para afondar no intenso traballo que conseguir que o xa bo de por si mando da Xbox 360 puidera superar ao da Xbox One con máis de 40 melloras, como unha parte traseira sen parafusos, un compartimento para baterías redeseñado, unha cruceta dixital mellorada e vibración nos gatillos (detalle destacado por todos os que puideron probar este mando).
Pero resulta que ese non é o detalle que os medios especializados están a destacar estes días, pois na xornada de onte dentro dun podcast de IGN o xefe de arquitectura de Xbox One, Marc Whitten, explicou certos detalles sobre o sensor Kinect que causaban suspicacias entre os xogadores (como a posibilidade de que a consola espiase aos seus donos) que veñen de clarexarse ao sorprender anunciando que a Xbox One poderá funcionar sen o sensor Kinect conectado, o que, loxicamente, impedirá acceder ás funcións dos xogos propias do mesmo, pero que é unha posibilidade que agradecerá que non teña sitio onde colocar o sensor, o teña avariado ou non confíe en que poida desactivarse dende o menú de configuración da consola. Pero o anuncio de que a Xbox One poderá funcionar sen Kinect é especialmente relevante porque abre a porta á posibilidade de que lancen un paquete económico de Xbox One sen o sensor, de xeito que podería competir en prezo coa PlayStation 4.
Whitten tamén confirmou que non será posible facer grupos de chat entre Xbox 360 e Xbox One (aínda que si intercambiar mensaxes de texto entre ambas plataformas) por varios motivos técnicos, que a consola incluirá un auricular con micrófono, que a tenda de Xbox LIVE Arcade manterase sen cambios, que os vídeos que capturemos dos nosos xogos gravaranse a 720p e 30 imaxes por segundo e que os sistemas de logros de Xbox 360 e Xbox One poden coexistir (será posible xogar ao mesmo título en ambas plataformas, diferenciándose os logros entre as mesmas).


Larry Hryb e Zulfi Alam amosan en detalle o mando da Xbox One

PUBLICIDADE