A Xbox One permitirá facer capturas de pantalla

xoves, 19 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Microsoft avanza as novidades que incorporará a Xbox One na súa actualización do mes de marzo, e que xa poden probar os usuarios inscritos no programa de probas da consola, ofrecendo finalmente a posibilidade de realizar capturas de pantallas, característica moi demandada polo público pero non ausente de dificultades para a súa implementación. Agora chega que os usuarios da Xbox One fagan un dobre clic sobre o botón Xbox do seu mando para que se realice unha captura de pantalla, que poderán gardar de premer despois o botón Y. Amais, tamén será posible realizar as capturas mediante ordes de voz.
Para xestionar estas capturas a Xbox One conta cunha revisión da aplicación Upload, que xa non só xestionará gravacións de vídeo, senón que tamén poderá empregarse para ver as capturas que fagamos, colocalas como fondo, publicalas no fluxo de actividade, engadila a mensaxes e incluso compartilas a través de Twitter. Iso si, as funcións de compartir non estarán dispoñibles até que a actualización chegue a todos os usuarios no mes de marzo.
Unha funcionalidade moi interesante da consola é a posibilidade de que agora suxira amigos, creando unha listaxe de persoas ás que é posible que coñezamos, facilitando que teñamos un círculo de amizadas o máis amplo posible, o que facilitará as posibilidade de interacción en liña.
Aínda que o identificador principal en Xbox LIVE continua a ser o gamertag (nome de usuario), o sistema permite agora compartir o nome real, de xeito que faise máis doado recoñecer quen é realmente un usuario. Serán os propios xogadores os que decidan se queren compartir coa comunidade o seu nome real dende o menú de configuración do seu perfil.
Tamén se engaden prestacións como poder seleccionar o nivel de transparencia das baldosas do menú da consola ou denunciar o correo lixo recibido.


Adianto en vídeo da actualización de marzo da Xbox One

PUBLICIDADE