A Xbox One poderá apagarse e acenderse dende dispositivos móbiles

xoves, 23 de abril do 2015 Marcus Fernández

A aplicación de Xbox para Windows 10 e Xbox One continúa a avanzar, e os usuarios da súa versión preliminar xa poden probar as súas novas funcionalidades, segunda dan conta dende Microsoft. Por exemplo, os usuarios que están a probar Windows 10 a través do programa Windows Insider poden gozar xa da nova aplicación de Xbox, que xa ofrece a posibilidade de gravar secuencias das nosas partidas no PC como se facía até o momento en consola, permite tomar capturas de pantalla dos xogos con só premer simultaneamente as teclas Windows, Alt e ImprPant, amosa información na súa baldosa activa, inclúe a sección de avatares para personalizar a figura que represente ao noso usuario, conta con opción para xestionar ao noso perfil de usuario e tamén permite compartir o noso nome real (e non só un complicado alcume).
Outros cambios interesantes é que é que os xogos e aplicacións que se utilizaran recentemente en Xbox One agora tamén poderán verse no PC, os usuarios que integrasen sintonizadora de televisión á súa consola poderán agora retransmitir o sinal televisivo mediante streaming a un ordenador con Windows 10 ou a dispositivos móbiles que conten con aplicación de Xbox One SmartGlass, e tamén se integran os controladores dos mandos de Xbox dentro de Windows 10 (de xeito que os periféricos da consola funcionarán directamente no ordenador sen que teñamos que localizar os drivers pola nosa conta.
A aplicación de Xbox One SmartGlass tamén está a estrear novas funcionalidades atendendo á demanda dos usuarios, como poder apagar ou acender a consola remotamente (incluso dende fóra do fogar), a Xbox One estrea aplicación de Wireless Display (ou sexa, que permite recibir conexións Miracast para facilitar que vexamos a pantalla de numerosos smartphones e tabletas con esta tecnoloxía dende a propia consola, o que resulta moi práctico para ver fotografías e vídeos que teñamos no noso dispositivo móbil ou incluso para a realización de presentacións), a Xbox One deixa agora definir o modo de enerxía preferido polo usuario, e tamén mantén a función de mensaxes de voz, que leva unhas semanas en probas.


Vídeo de presentación das novidades de Xbox actualmente en probas

PUBLICIDADE