A Xbox One recibe DC Universe Online como un xogo free-to-play

venres, 29 de abril do 2016 Marcus Fernández

O modelo de negocio dos xogos masivos en liña complicouse considerablemente nos últimos anos, levando a moitas compañía a optar polo free-to-play, como aconteceu con DC Universe Online, xogo baseado no universo dos cómics de Batman e Superman (entre moitos outros) que xa en 2011 deixou de ser de pagamento, e que tras un longo período de actividade coas súas versións para PC, PlayStation 3 e PlayStation 4, estrea versión para Xbox One, que chega con voces en inglés (aínda que pode cargárselle un paquete de voces en español totalmente de balde).
O salto ao free-to-play deste título tivo como consecuencia o incremento significativo da base de usuarios, o que agora debería repetirse ao abrirse o xogo a unha nova plataforma. En DC Universe Online os xogadores poden elixir bando (heroes ou viláns), contando con certa versatilidade á hora de configurar ao noso personaxe. Tamén permítenos explorar as escuras rúas de Gotham, investigar os misterios de Metrópolis, viaxar ao Asilo de Arkham ou visitar a Atalaia da Liga da Xustiza. Toda unha serie de posibilidades que están a servir de grande reclamo para engrosar unha comunidade en liña bastante numerosa noutros mercados europeos.

Vídeo de lanzamento da versión para Xbox One de DC Universe Online.

PUBLICIDADE