A Xbox Series S é capaz de correr xogos de PlayStation 2

luns, 30 de novembro do 2020 Marcus Fernández

RetroArch permite xogar a God of War nunha Xbox Series S

As consolas Xbox Series X e Xbox Series S destacan polo seu elevado índice de retrocompatibilidade, xa que son capaces de correr xogos de Xbox, Xbox 360 e Xbox One, pero Dimitris, da canle de YouTube Modern Vintage Gamer, sorprende incorporando como consola coa que son compatibles as novas Xbox a PlayStation 2. Concretamente publicou un vídeo no que amosa como correr xogos de PlayStation 2 nunha Xbox Series S, para o que sería preciso colocar a consola en modo desenvolvedor para asi poder executar aplicacións UWP entre as que se inclúe RetroArch.
RetroArch é un emulador de numerosas consolas de videoxogos clásicas, de xeito que a Xbox serviría para gozar de xogos de vellas consolas de Nintendo e SEGA, pero o máis relevante sería que na súa condición actual podería incluso mover xogos de PlayStation 2 con bastante solvencia, o que resulta abraiante polo simple feito de que unha consola PlayStation 5 non pode facer tal.
O modo de desenvolvedor das consolas Xbox non permite correr xogos comerciais, pero a consola si pode saír dese modo de funcionamento en calquera momento, podéndose alternar entre o modo doméstico e o de desenvolvedor, o que permitiría que as novas Xbox poidan verse como consolas de nova xeración que deixan sitio para a emulación de consolas clásicas, o que sería bastante práctico para moitos amantes dos xogos clásicos que non consideren imprescindible gozalos nas súas consolas orixinais.

Vídeo no que podemos ver unha Xbox Series S correndo xogos de PS2

PUBLICIDADE